Uncategorized

Que animal!

Coñezo Marcelle desde hai anos, podería dicir desde fai unha década. Un amigo de sempre foi que me iniciou e a súa familia a que me falaba marabillas deste espazo “zoolóxico” sito a carón de Lugo. Sempre lembrarei a foto dun paxaro de cara que tiña o meu amigo como perfil das incipientes redes sociais. Pero non o visitei.

Volvín ter en conta este espazo de ocio cando traballei no Plan de Excelencia Turística de Lugo e tiven que recabar información para completar a ficha da web e contidos. Pero non o visitei.

Unha mestra amiga miña, directora dun colexio de Compostela, tamén me falou del, do ideal que era para facer unha excursión con rapaces, con piquenique incluído. E tamén unha irmá desde o seu Instituto, pero non o visitei.

Sería anos máis tardes cando me acheguei tomar algo na cafetaría do restaurante La Cabaña, acompañado dunha veciña da zona que lles vendera parte dos terreos. Pero non o visitei, non entramos no recinto.

Ale hop! A gozar coma un anano. #cousasquequedabanporfacer

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

E foi nestas últimas vacacións nas que me decidín ir. Por fín ía ver aquelo do que escoitara falar. E é que moitas veces queremos ver antes o Taj Mahal e as vacas indias que as cousas que temos ao carón.

Anuncios
Estándar
eventos, paparotas

Outra vez por Melide, esta vez de tapas

Convidáronme a formar parte dun xurado o xoves 22 de maio, xunto con Vera, Alberto e Frenchy. E como esa tarde de outono (si, en pleno mes de maio) non tiña nada mellor que facer dixen que si. A verdade que foi unha experiencia para lembrar, pois menuda noitiña nos deixou a metereoloxía. E se a iso lle sumamos que o acceso desde Lugo non é ningunha marabela… pois cheguei tarde xunta meus compis de ruta.

Quedamos na Docería Estilo, onde Alberto Rodríguez -como representante dos locais do casco vello de Melide– esperábanos para indicarnos o percorrido que faríamos e darnos o material (mapa co roteiro, listaxe de tapas e follas de puntuación). Aproveitando que estabamos alí xa probamos as súas navallas enlatadas, moi ricas a verdade.

Ao ser unha vila do interior eu imaxinaba que moitos deles basearíanse na carne, en parte porque a tapa durante estas dúas semanas de concurso tiña un custe de 1 euro -consumición aparte- e no escandallo tiña que saír rentábel, ou iso querían conseguir os locais. Pero tamén é certo que, ademais de pasar o Camiño Francés, Melide é coñecida polos queixos e pola preparación do polbo. E así foi, tras ir probando varias tapas de carne chegamos ao Liñares, onde nos puxeron unha tapa de polbo guisado con ameixas e gambas (mágoa que non estivera feita no momento… aínda que grazas por avisar!!).

Máis #pulpofiction desta vez en #MelideVello no Liñares

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

A verdade é que o nivel medio estaba bastante ben, houbo algunha exquisitez pero tamén algún que non se preocupou. Os obxectivos diferentes de cada local aparecen reflectidos na proposta que ofreceron, e houbo quen se esforzou por competir e quen só quere facer caixa cos clientes que pasan. Hai que ter en conta que había premios e que cada consumidor/participante pedía unha bebida e unha tapa, ou sexa, 2 euros como mínimo para a caixa.

Outra cousa que diferencian as tapas nalgunhas vilas de interior dos pinchos das cidades (téndese a mesturar termos) é o tamaño. En moitos casos vimos que nos servían un prato -de postre- para colocar unha cantidade importante de comida, co pequeno agravante que algún establecemento enchía ese fondo do prato cunha salsa. Noutra concurso me dixeran que como no día a día pola tapa non cobran, ao cobrar un euros víanse “forzados” a incrementar o tamaño para evitar a queixa dalgúns clientes.

Os que competiron de verdade déronse conta que dinamizar o consumo local era unha prioridade, sen rexeitar -nin moito menos- que se achegara xente de Compostela, Lugo, Ourense ou A Coruña. Así, sendo unha vila e tendo o boca a boca como principal medio de difusión, ademais das redes sociais e os medios tradicionais (prensa e radio), conseguiron un número moi alto de tapas vendidas a primeira semana de concurso. Iso si, había certos bares que concentraban ese éxito das 3.000 tapas e outros vían como a clientela pasaba de longo por diante da porta.

Como conclusión podemos dicir que Melide é un bo lugar para ir de tapeo, máis alá da organización desta ruta. Hai moitos locais, bos e variados. E está a menos dunha hora de Compostela ou de Lugo, as cidades máis cercanas onde o tapeo é un hábito social.

De Camiño a Sarria, unha paradiña para mercar algo "rico, rico" @manu_garea

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Tras pernoctar na zona (menuda noite facía para coller o auto!!!) e descansar, ao día seguinte non quixen deixar de visitar ao meu amigo Manuel Garea e mercar algo “rico, rico” de recordo para a familia.

Estándar
compras, eventos

Polas noites tamén se pode mercar

Seica se poñen dacordo ou que? Xúntanse as novas da mesma temática? van da man? Como cando un bosteza, que contaxia. Alomenos isto ocorreu cos últimos post que escribín. Que teño un pendente sobre o mundo do viño debido a gran cantidade de actividades se montan arredor? pois nos días seguintes coloco outro sobre a moda do viño e das catas! Que en Santiago o comercio repite experiencia co Estrea Estilo e os comercios volver saír fora dos seus recintos? Pois en Sarria lle cascan catro horas máis a unha xornada laboral e abren até as 12, a medio camiño de “Noite dos Museos” e cátering nas tendas.

Móvete por Sarria é un colectivo formado por comerciantes sarriáns (algúns) que promove as distintas actividades de ocio da vila. Pretende así que te enteres do que acontece na vila cando falemos de moda, tendencias, actividades culturais… O integran Calzados Gayoso, Lar de MenchuLebón DescansoMerceria SarilloMoncho ModaManuel EstilistasÓptica MalecónPulgui’sSenayo y Vilamey Complementos.

E para iso idearon a #NoitedoMovete, unha iniciativa que quixo dinamizar o comercio local fora de horario habitual, para que todos puideran saír mercar. E como lograr isto? pois abrindo as portas dos comercios 4 horas máis nun día laboral –o 16 de maio– véspera dun día feriado. E a iniciativa tivo éxito como se pode ver nas imaxes.

Pero non só era ir mercar zapatos, complementos ou algunha prende, senón que había descontos especiais. Como poñía o cartel anunciador “Venres 16 de maior 16% de desconto”. E abofé que funcionou. Alfombras vermellas, maxia en vivo, pinchos, cava, refrescos, chuches para nenos (…e maiores) e sorteos varios foron algunhas outras accións específicas que aportaron un plus á experiencia de mercar á tardiña. Ademais, como a noite acompañou, o ambiente prolongouse e fixo que o movemento de xente fose contínuo e as terrazas dos bares tivesen xente máis alá da hora habitual.

Parabéns aos organizadores, pequenos empresarios que ademais do beneficio (claro!) buscan tamén dinamizar a vila: móvense por nós. Agardamos máis iniciativas deste tipo, pois o comercio precisa de movemento, de ideas novas, e Sárria é un bo lugar! Cabeceira comarcal, sempre foi unha vila moi dinámica -comercialmente falando- e centralizou moitos intercambios. Ser sede de 3 importantes feiras cada mes e cabeceira de Partido Xudicial tamén axudou.

Estándar
compras, lecer

O comercio diante da disxuntiva: renovarse ou morrer

O pasado domingo 11, entre tanta oferta cultural e gastronómica na contorna de Compostela (rollo xapo eiquí, troita en Sigüeiro e repostaría tradicional en Melide) decidín ir pasear até o Pazo de San Lourenzo.

Nun marco marco incomparábel (non hai outra expresión tan boa e tan manida coma esta para reflectir un espazo incríbel) o evento Estrea Estilo chegaba á súa 2ª edición, nesta ocasión presentando as novidades primavera-verán do comercio compostelán. A iniciativa, da man da empresa Correveydile -as mesmas rapazas que fan o Mercado da Estrela– xa tivera convocatoria de outono no Hotel Araguaney.

Apoiadas pola Concellaría de Comercio do Concello de Santiago, non tiveron así o apoio das agrupacións de comerciantes. Pero bueno, é o de sempre, en vez de remar na mesma dirección hai que poñer trabas aos emprendedores. É certo que non deben ser as arcas públicas as que sustenten este evento, que lanzándoo nas dúas primeiras edicións é máis que suficiente. Agora son os propios comerciantes os que -tras ver o éxito de público (non sei de ventas) e a presenza visual- teñen que dar o paso e apostar por investir neste tipo de actividades, como na Feira de Primavera do Barrio de San Pedro ou no Desconcierto Cultural.

Ambiente primaveral no @estreaestilo moda, calzado, gastro, música, rapazada…

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Nesta ocasión houbo tendas de todo tipo (de moda, zapaterías, de complementos ou gastronómicas), con descontos e ofertas varias, ademais de actividades para todos os gustos: xogos para nenos, concertos, catas, probas de beleza. O ambiente a media tarde era fenomenal, o tempo acompañaba para tirarse na herba e escoitar os concertos, levar o carriño cos nenos, esparruñar entre o xénero ou sentarse a que te puxeran guapa/o.

O que é certo -da a sensación- é que o potencial do espazo é inmenso, desde os xardíns, até o claustro ou a propia capela de San Lourenzo. Había quen dicía que «era ideal para facer un festival» ou quen aconsellaba á concelleira o «facer un evento cada mes».

Estándar
eventos, peregrinacións

Camiños espirituais que se unen

Por que falar da Semana de Xapón en Compostela? Pois moi sinxelo, síntome identificado coa Irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, pois no seu día participei na creación do espazo web Spiritual Pilgrimages que fixera 00estudio para Turismo de Santiago.

Japoneando no Estrea Estilo, un evento de moito éxito xa na 2ª edición

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Ademais, estes días tamén coñecín a Yui Miyazaki, unha rapaza xaponesa que estivo tres semanas en Compostela de “intercambio laboral”, devolvendo así a visita dunha técnico de Santiago a Tanabe (Wakayama, Xapón).

http://www.crtvg.es/informativos/cantos-e-danzas-budistas-e-xintoistas-na-catedral-de-santiago-814129

Nesta semana aprendimos varias cousas da cultura xaponesa, desde cociña (a arte do Obento), até artes marciais (Aikido), a cerimonia do Té, a arte do Origami (papiroflexia), o modo de vestir (Kitsuke), a música (Shakuhachi) ou a arte das flores (Ikebana). Como colofón, este martes tiveron lugar un concerto sintoísta na Catedral e unha conferencia sobre “Filosofía e Espiritualidade do Pobo Xaponés”.

Os actos tiveron lugar en varios espazos da zona vella compostelá: a Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, a Igrexa de San Fiz de Solovio, a Catedral e o Paraninfo da Universidade. Organizados por Turismo de Santiago, a través da empresa Singulae, e coa colaboración da Casa Galicia Japón, estes actos están inxeridos dentro no marco do Ano Dual España-Xapón.

http://www.crtvg.es/informativos/finaliza-a-visita-da-delegacion-xaponesa-a-santiago-814585

O pasado mércores remataría a visita coa camiñada entre o Monte do Gozo e a Catedral dos monxes sintoistas que viñeron até Santiago e toda a delegación da cidade de Tanabe.

Estándar
enoloxía, lecer

O fenómeno das catas de viño

O pasado venres 9 de maio asistín a unha cata de viño convidado por Patxi Movilla, da Gastroteca SCQ nova tenda de produtos gastronómicos da zona vella compostelá. Creo recordar que xa fun a varias antes da miña fuxida a México, pero non podería lembrar con exactitude cales foron e que viños probara.

O certo é que as catas convertéronse nun fenómeno de mini masas, pois en Compostela haberá arredor dun millar de persoas interesadas neste mundillo. Están desntinadas para xente cuns bos ingresos, de clase media-media/acomodada e con gusto pola enoloxía. Son moitas as adegas que veñen presentar os seus viños e son moitos os espazos (tendas, bares e restaurantes) que as acollen. Hainas de balde, e hainas con custe, algunhas delas un auténtico negocio. Esta cata, por exemplo, estaba dirixida polo enólogo de Gomariz, Xosé Luis Sebio, todo un experto e con moitos anos de experiencia ao lombo. Comentounos que chegou ao Ribeiro en 1998 e no 2000 a estas bodegas, cando só producían un viño… agora producen 11.

Coto de Gomariz, viños dos que íamos facer a cata, non fai viños comerciais (non prevé producir máis de 200.000 botellas/ano) senón que elabora viños personais diferentes, baseados no solo, no clima e nas variedades da uva. Eles empregan tres solos: con areas, con granito e con xistos. E Hai que dicir que no Ribeiro hai 3 zonas: cara o norte está a zona histórica (seguindo o curso do Avia), a carón do Miño están as grandes bodegas e cara o sur hai microparcelas.

Após de pequenas leccións de historia, como o documento máis antigo de Gomariz -do s. X- ou do que se pagaba polo Ribeiro (ata 4 veces máis que por un Burdeos), etc. etc., comezou con apuntamentos técnicos. E aí perdinme! Para un iniciado coma min, que so diferencia dous tipos de viño -os que me gustan e os que non- escoitar falar de añadas, cores, cheiros, influencia das choivas, variedades e outros tantos palabros era demasié. Si me quedou claro que o Ribeiro é un capricho da natureza, pois a ubicación (moi ao norte) e as condicións climatolóxicas da comarca permiten unha acidez moi baixa á hora da maduración.

Comezamos polos brancos A flor e a Abella, Gomariz e o Coto de Gomariz, e logo foron os tintos A flor e a Abella, o Abadía de Gomariz e o VX Cuveé. Como premio probamos o viño persoal de Sebio, o Super Héroe. Foron máis de tres horas intensas, densas, de moitos olores e sabores, de debates e nas que algúns aprendimos algo, como o significado dunha cata vertical, como a que terá lugar hoxe ás 21 horas de Pagos de Galir.

A vindeira cata, pois non sei, xa verei. Polo momento, grazas a Patxi e Natalia polo convite, e por ter algo de comida na mesa, que entre tanto viño era necesario.

Estándar
eventos, excursións

O enoturismo está de moda

Pois si, o viño que non falte, nin na mesa nin no turismo. Unha moda máis -coma tantas- é agora incluír o mundo da vide en todo. E é que actividades entorno ao viño hai a moreas: feiras, visitas ás adegas, rutas do viño, transporte (bus ou tren) do viño, catas (e cursos de cata), maridaxes, conferencias, homenaxes… un sin fin de cousas que agora mesmo poden encher a axenda dun afeccionado durante un mes. De feito os próximos 30 días ás beiras do Miño-Sil temos unhas cantas. Por fin tamén nos movemos no interior da Galiza.

O 17 de maio coñece as Vinrutas de Valdeorras

Vinrutas é unha das ofertas de enoturismo que se realiza na comarca. A Denominación de Orixe de Valdeorras está a acadar unha gran notoriedade grazas aos excelentes viños que está a producir e os numerosos premios que está a recibir en moitos certames aos que se presenta.

VinrutaValdeorras

Promovida por Valdeorras é Viño, nesta cuarta edición -a celebrar o Día das Letras Galegas- visitarán 2 adegas da comarca: Adega Avelina, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e Joaquín Rebolledo (A Rúa). Ambas contan cun dos elementos etnográficos da zona por excelencia, as “covas”, lugares para gardar o viño; nun dos casos está integrada dentro dun edificio e noutra constitúe unha edificación en si misma. Os visitantes probarán os godellos e mencías que producen cada unha.

Vinruta-Valdeorras

Cun custe de 20 euros/persoa -no que se inclúe transporte ás bodegas, visitas, catas e pinchos- podes reservar entrada en valdeorrasesvino@gmail.com , no celular 619 086 326 ou mercala na oficina de Halcón Viajes de A Rúa. Sen dúbida, unha boa ocasión para coñecer o berce do Godello, un viño en crecemento entre os brancos en España.

O 23 de maio Valdeorras rinde homenaxe a Horacio Fernández Presa, o pai do Godello

Falecido fai un ano, a figura de Horacio Fernández Presa vai ter o recoñecemento que se merece. O que fora antigo xefe da Área Valdeorras-Trives da Oficina Agraria Comarcal (antes coñecida como a Axencia de Extensión Agraria de O Barco) e impulsor do Plan REVIVAL [Reestructuración de Viñedos de Valdeorras], ademais de cofundador da bodega Godeval e un viticultor defensor da comarca valdeorresa, terá a súa homenaxe o vindeiro venres 23.

E é que moita xente quere manter vivo o espírito de traballo do “pai do godello“, xa que logo puxo en marcha o nomeado Plan para para recuperar as variedades autóctonas da comarca. O godello, por exemplo, pasou de ser unha variedade case desaparecida (finais dos setenta) a gozar de prestixio na actualidade, e todo grazas aos traballos de recuperación que daquela se fixeron.

“Enoturismo en Galiza: iniciativas, experiencias e retos”, título do II Foro Proturga

Tras a exitosa edición do ano pasado en Pontevedra -en asistencia, pero sobre todo en debates- e que xiraba entorno ao Turismo Deportivo e organización de eventos deportivos, a organización muda de sede cara a cidade das Burgas. Esta 2ªedición do Foro Proturga falará do viño e os seus vínculos co turismo. A organización conseguíu un atractivo programa con catro mesas (e unha cata) nas que estarán representantes do sector do viño e técnicos da administración e das empresas.

ForoProturga-Enoturismo

Os títulos das mesas redondas son “Iniciativas, experiencias e retos dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia“, con varios directivos das D.O.;  “Iniciativas, experiencias e retos das Rutas do Viño de Galicia“, con técnicos das Rutas do Viño; “Iniciativas, experiencias e retos das empresas de enoturismo de Galicia“, con empresas vencelladas ao sector (de transporte turístico, medios de comunicación e axencias de viaxes); e “Iniciativas, experiencias e retos das adegas de Galicia” con xente das adegas. Os participantes farán a súa exposición nunha minipalestra que -agardemos- abrirá unha produtiva quenda de preguntas. O evento rematará cunha cata de viños galegos dirixida polo sumiller Patxi Movilla.

Obradoiros de harmonía e creatividade enogastronómica en Ribadavia

Os mércores e xoves das últimas semanas deste mes, é dicir, os días 21, 22, 28 e 29 a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro organiza uns cursos sobre enogastronomía na capital do Ribeiro. Os encargados de impartir estes cursos son o sumiller Nacho Costoya, o chef Angel Ríos (restaurante Pepe Vieira) e Pablo Vidal (director técnico do C.R.D.O. Ribeiro). O obxectivo destes obradoiros é ofrecer ferramentas para crear pratos sinxelos con productos galegos de calidade e un toque de creatividade. Ademais de formación culinaria, tamén haberá unha degustación harmonizada con viños das adegas que están na Ruta. Pódese reservar praza na web da Asociación.

Excursión á Ribeira Sacra

Pola miña parte, teño organizada cuns amigos unha excursión á Ribeira Sacra do Miño o domingo 1 de xuño. Será unha intensa visita á zona Chantada onde a intención é visitar dúas adegas (unha familiar e unha turística), comer cerca de Belesar na Abaceria O Batuxo e pola tarde gozar das paisaxes ao navegar en catamarán polo río.

Terceiras xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia

Esa mesma fin de semana e a seguinte as denominacións de orixe de viño galegas e as súas rutas do viño organizan, co patrocinio de Turgalicia, a terceira edición das xornadas de portas abertas. No folleto veñen ben explicadas, pero é fundamental saber que a primeira fin de semana (31 de maio e 1 de xuño) tócalle ás rutas do viño das Rías Baixas e Ribeiro, e os días 7 e 8 de xuño é a quenda de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

PortasAbertasRutaViñoValdeorras

Precisamente eu teño pensado asistir ás portas abertas de Valdeorras. Está previsto visitar -en autobús- 11 adegas. O sábado 7 (pola mañá) iremos a Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Pagos de Galir e pola tarde a Ruchel, Avelina y D´Berna, mentres que para o domingo 8 están previstas a visita de Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Para a comida hai restaurantes asociados (Mesón Museo, Paladium, Pazo do Castro e Piquiño) que ofrecen un menú por 25 €/persoa. Ademais, o sábado pola tarde haberá unha festa con pinchos, viños e actuacións musicais, e o domingo fin de festa nas covas con viños, polbo e actuación de gaiteiros. Tamén hai prezos especiais en tres aloxamentos: Hotel Pazo do Castro (O Barco), Casa Rural Pacio do Sil (A Rúa) e no Paladium (Vilamartín de Valdeorras).

Tapas & blogs retorna ás actividades cunha actividade de enoturismo na Ribeira Sacra

Por último, e coincidindo coa xornada de portas abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, o sábado 7 volve o evento Tapas & Blogs, neste caso co enoturismo como tema central. Unha xornada na que se visitarán os viñedos -dispostos en bancais- e unha bodega en compañía do sumiller Bruno Lovelle, quen elabora viños de autor.

Estándar