enoloxía, lecer

O fenómeno das catas de viño

O pasado venres 9 de maio asistín a unha cata de viño convidado por Patxi Movilla, da Gastroteca SCQ nova tenda de produtos gastronómicos da zona vella compostelá. Creo recordar que xa fun a varias antes da miña fuxida a México, pero non podería lembrar con exactitude cales foron e que viños probara.

O certo é que as catas convertéronse nun fenómeno de mini masas, pois en Compostela haberá arredor dun millar de persoas interesadas neste mundillo. Están desntinadas para xente cuns bos ingresos, de clase media-media/acomodada e con gusto pola enoloxía. Son moitas as adegas que veñen presentar os seus viños e son moitos os espazos (tendas, bares e restaurantes) que as acollen. Hainas de balde, e hainas con custe, algunhas delas un auténtico negocio. Esta cata, por exemplo, estaba dirixida polo enólogo de Gomariz, Xosé Luis Sebio, todo un experto e con moitos anos de experiencia ao lombo. Comentounos que chegou ao Ribeiro en 1998 e no 2000 a estas bodegas, cando só producían un viño… agora producen 11.

Coto de Gomariz, viños dos que íamos facer a cata, non fai viños comerciais (non prevé producir máis de 200.000 botellas/ano) senón que elabora viños personais diferentes, baseados no solo, no clima e nas variedades da uva. Eles empregan tres solos: con areas, con granito e con xistos. E Hai que dicir que no Ribeiro hai 3 zonas: cara o norte está a zona histórica (seguindo o curso do Avia), a carón do Miño están as grandes bodegas e cara o sur hai microparcelas.

Após de pequenas leccións de historia, como o documento máis antigo de Gomariz -do s. X- ou do que se pagaba polo Ribeiro (ata 4 veces máis que por un Burdeos), etc. etc., comezou con apuntamentos técnicos. E aí perdinme! Para un iniciado coma min, que so diferencia dous tipos de viño -os que me gustan e os que non- escoitar falar de añadas, cores, cheiros, influencia das choivas, variedades e outros tantos palabros era demasié. Si me quedou claro que o Ribeiro é un capricho da natureza, pois a ubicación (moi ao norte) e as condicións climatolóxicas da comarca permiten unha acidez moi baixa á hora da maduración.

Comezamos polos brancos A flor e a Abella, Gomariz e o Coto de Gomariz, e logo foron os tintos A flor e a Abella, o Abadía de Gomariz e o VX Cuveé. Como premio probamos o viño persoal de Sebio, o Super Héroe. Foron máis de tres horas intensas, densas, de moitos olores e sabores, de debates e nas que algúns aprendimos algo, como o significado dunha cata vertical, como a que terá lugar hoxe ás 21 horas de Pagos de Galir.

A vindeira cata, pois non sei, xa verei. Polo momento, grazas a Patxi e Natalia polo convite, e por ter algo de comida na mesa, que entre tanto viño era necesario.

Anuncios
Estándar