eventos, excursións

O enoturismo está de moda

Pois si, o viño que non falte, nin na mesa nin no turismo. Unha moda máis -coma tantas- é agora incluír o mundo da vide en todo. E é que actividades entorno ao viño hai a moreas: feiras, visitas ás adegas, rutas do viño, transporte (bus ou tren) do viño, catas (e cursos de cata), maridaxes, conferencias, homenaxes… un sin fin de cousas que agora mesmo poden encher a axenda dun afeccionado durante un mes. De feito os próximos 30 días ás beiras do Miño-Sil temos unhas cantas. Por fin tamén nos movemos no interior da Galiza.

O 17 de maio coñece as Vinrutas de Valdeorras

Vinrutas é unha das ofertas de enoturismo que se realiza na comarca. A Denominación de Orixe de Valdeorras está a acadar unha gran notoriedade grazas aos excelentes viños que está a producir e os numerosos premios que está a recibir en moitos certames aos que se presenta.

VinrutaValdeorras

Promovida por Valdeorras é Viño, nesta cuarta edición -a celebrar o Día das Letras Galegas- visitarán 2 adegas da comarca: Adega Avelina, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e Joaquín Rebolledo (A Rúa). Ambas contan cun dos elementos etnográficos da zona por excelencia, as “covas”, lugares para gardar o viño; nun dos casos está integrada dentro dun edificio e noutra constitúe unha edificación en si misma. Os visitantes probarán os godellos e mencías que producen cada unha.

Vinruta-Valdeorras

Cun custe de 20 euros/persoa -no que se inclúe transporte ás bodegas, visitas, catas e pinchos- podes reservar entrada en valdeorrasesvino@gmail.com , no celular 619 086 326 ou mercala na oficina de Halcón Viajes de A Rúa. Sen dúbida, unha boa ocasión para coñecer o berce do Godello, un viño en crecemento entre os brancos en España.

O 23 de maio Valdeorras rinde homenaxe a Horacio Fernández Presa, o pai do Godello

Falecido fai un ano, a figura de Horacio Fernández Presa vai ter o recoñecemento que se merece. O que fora antigo xefe da Área Valdeorras-Trives da Oficina Agraria Comarcal (antes coñecida como a Axencia de Extensión Agraria de O Barco) e impulsor do Plan REVIVAL [Reestructuración de Viñedos de Valdeorras], ademais de cofundador da bodega Godeval e un viticultor defensor da comarca valdeorresa, terá a súa homenaxe o vindeiro venres 23.

E é que moita xente quere manter vivo o espírito de traballo do “pai do godello“, xa que logo puxo en marcha o nomeado Plan para para recuperar as variedades autóctonas da comarca. O godello, por exemplo, pasou de ser unha variedade case desaparecida (finais dos setenta) a gozar de prestixio na actualidade, e todo grazas aos traballos de recuperación que daquela se fixeron.

“Enoturismo en Galiza: iniciativas, experiencias e retos”, título do II Foro Proturga

Tras a exitosa edición do ano pasado en Pontevedra -en asistencia, pero sobre todo en debates- e que xiraba entorno ao Turismo Deportivo e organización de eventos deportivos, a organización muda de sede cara a cidade das Burgas. Esta 2ªedición do Foro Proturga falará do viño e os seus vínculos co turismo. A organización conseguíu un atractivo programa con catro mesas (e unha cata) nas que estarán representantes do sector do viño e técnicos da administración e das empresas.

ForoProturga-Enoturismo

Os títulos das mesas redondas son “Iniciativas, experiencias e retos dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia“, con varios directivos das D.O.;  “Iniciativas, experiencias e retos das Rutas do Viño de Galicia“, con técnicos das Rutas do Viño; “Iniciativas, experiencias e retos das empresas de enoturismo de Galicia“, con empresas vencelladas ao sector (de transporte turístico, medios de comunicación e axencias de viaxes); e “Iniciativas, experiencias e retos das adegas de Galicia” con xente das adegas. Os participantes farán a súa exposición nunha minipalestra que -agardemos- abrirá unha produtiva quenda de preguntas. O evento rematará cunha cata de viños galegos dirixida polo sumiller Patxi Movilla.

Obradoiros de harmonía e creatividade enogastronómica en Ribadavia

Os mércores e xoves das últimas semanas deste mes, é dicir, os días 21, 22, 28 e 29 a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro organiza uns cursos sobre enogastronomía na capital do Ribeiro. Os encargados de impartir estes cursos son o sumiller Nacho Costoya, o chef Angel Ríos (restaurante Pepe Vieira) e Pablo Vidal (director técnico do C.R.D.O. Ribeiro). O obxectivo destes obradoiros é ofrecer ferramentas para crear pratos sinxelos con productos galegos de calidade e un toque de creatividade. Ademais de formación culinaria, tamén haberá unha degustación harmonizada con viños das adegas que están na Ruta. Pódese reservar praza na web da Asociación.

Excursión á Ribeira Sacra

Pola miña parte, teño organizada cuns amigos unha excursión á Ribeira Sacra do Miño o domingo 1 de xuño. Será unha intensa visita á zona Chantada onde a intención é visitar dúas adegas (unha familiar e unha turística), comer cerca de Belesar na Abaceria O Batuxo e pola tarde gozar das paisaxes ao navegar en catamarán polo río.

Terceiras xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia

Esa mesma fin de semana e a seguinte as denominacións de orixe de viño galegas e as súas rutas do viño organizan, co patrocinio de Turgalicia, a terceira edición das xornadas de portas abertas. No folleto veñen ben explicadas, pero é fundamental saber que a primeira fin de semana (31 de maio e 1 de xuño) tócalle ás rutas do viño das Rías Baixas e Ribeiro, e os días 7 e 8 de xuño é a quenda de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

PortasAbertasRutaViñoValdeorras

Precisamente eu teño pensado asistir ás portas abertas de Valdeorras. Está previsto visitar -en autobús- 11 adegas. O sábado 7 (pola mañá) iremos a Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Pagos de Galir e pola tarde a Ruchel, Avelina y D´Berna, mentres que para o domingo 8 están previstas a visita de Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Para a comida hai restaurantes asociados (Mesón Museo, Paladium, Pazo do Castro e Piquiño) que ofrecen un menú por 25 €/persoa. Ademais, o sábado pola tarde haberá unha festa con pinchos, viños e actuacións musicais, e o domingo fin de festa nas covas con viños, polbo e actuación de gaiteiros. Tamén hai prezos especiais en tres aloxamentos: Hotel Pazo do Castro (O Barco), Casa Rural Pacio do Sil (A Rúa) e no Paladium (Vilamartín de Valdeorras).

Tapas & blogs retorna ás actividades cunha actividade de enoturismo na Ribeira Sacra

Por último, e coincidindo coa xornada de portas abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, o sábado 7 volve o evento Tapas & Blogs, neste caso co enoturismo como tema central. Unha xornada na que se visitarán os viñedos -dispostos en bancais- e unha bodega en compañía do sumiller Bruno Lovelle, quen elabora viños de autor.

Estándar
eventos, excursións

A Estrada tamén “pesca” no fenómeno dos bloggers

Non, non me refiro a min, senón ao fenómeno en si, a esta moda que -entre moitos- estamos a propagar pola blogosfera como se de lume polo monte se tratara. Que somos uns pesaos e uns charlatáns, como me dixo alguén o outro día? Si, pero pasámolo moi ben en actos como o da Festa do Salmón!

Preparadas as acreditacións de #bloggers para a @festadosalmon

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Non é o primeiro BlogTrip ao que vou, e agardo que tampouco sexa o último. Alá polo mes de febreiro xa tiven a sorte de ser chamado polos Xenerais da Ulla #moicercadeSantiago para coñecer e promover este ancestral entroido rural e máis a presentación dos Entroidos galegos de interese turístico (#GaliciaEntroido) baixo un diluvio universal na Praza do Obradoiro. Tamén fun a varias experiencias gastronómicas en restaurantes (Calderón e Casa Rosalía), ademais do #CocidoDay que eu mesmo axudei a organizar. Foi nestas dúas últimas semanas nas que a Festa do Salmón da Estrada xestou a organización dun encontro cos novos prescriptores de opinión. E nestas, que ás 11 da mañá estabamos na Porta do Sol estradense.

#pasóayer Making of de la foto oficial del encuentro #festadosalmon en @c_aestrada

A post shared by Jose Manuel Garcia (@jose_ma_garcia) on

Alí aparecimos Fidel Martín, Xosé Manuel García, Sandra Novo, Frenchy Ouviña, José Luis Oliveira, Rubén Amorín, Javier Mos e o que escrebe (si, o problema da cota femenina tamén chega ao #mundoblogger). Todos coñecidos das redes, e con nós o alcalde máis alto de España -nótase que xogou ao baloncesto- e xente do concello que nos ía guiar pola Ruta de Tapas do Salmón.

Despois de que Xosé Manuel lle gañara a Fidel para facer equipos (cousa que non lle serviu de nada, xa que levou aos peores! 😛 ) comezamos un percorrido pola vila. Estando tan preto de Compostela, A Estrada era un pouco descoñecida para min. Certo que pasei moitas veces, viñen de turismo rural a algunha parroquia (teñen 21 casas segundo Turgalicia) e até viñen comer o polbo un mércores á feira, pero nunca pensei en pasar un día nesta vila. De A Estrada hai que saber un par de datos: que é o 9º concello galego máis grande (282 km2), conta con 51 parroquias (o que máis) e o concello español con máis núcleos de poboación, ademáis de ser a terra de Ángel Miramontes.

Praza de Abastos #aestrada #festadosalmon

A post shared by Ruben Amorin (@nimataniengorda) on

Leváronos ata o emprazamento momentáneo da Praza de Abastos, xusto a carón das obras da nova. Alí comentáronos que A Estrada é dos poucos concellos galegos que teñen dous mercados semanais, os mércores e os sábados. De feito, un vendedor de peixe viña eses días desde Fisterra díxolles que co que vende n’A Estrada lle chegaría para vivir. Deambulamos un ratiño entre toallas, calzado e produtos da horta, e falamos de comercio e da produción de mazairas da bisbarra (exporta cara Asturias, Euskadi e Chantada). Logo separámonos en dous grupos -os equipos escollidos antes- para ir aos 22 locais da Ruta de Tapas que nos tiñan preparada.

Bar Os Peares Primera parada en Ruta de Tapas #festadosalmon Un local con más de 60 años de historia

A post shared by Ruben Amorin (@nimataniengorda) on

O grupo bo -é dicir, o de Fidel, Frenchy, Rubén e máis eu, guiados por Daniel- comezamos forte. A primeira parada foi en Os Peares, unha tasca de toda a vida (máis de 60 anos a contemplan) onde ninguén diría que se come ben. Terei que voltar, porque ademais da tapa de salmón avisáronme que facía unha paella e unha carne riquísimas.

E así foron caendo, un tras outro, durante catro horas. Unha boa paparota si, pero acabas cheo, pois con cada picho/tapa tomabamos unha birra (íamos a cortos, para non reventar). Non nos saltamos ningún local da ruta e hai que dicir que a calidade media é bastante alta, tendo algún sobresaínte. É o caso de ‘Tito’ Nixón, que leva aberto desde 1975 e é un dos pioneiros na cociña de salmón (e do cocido). Cocíñao de todos os xeitos: en tartar, en empanada, afumado ou salvaxe marinado con maracuxá… e todos moi ben preparados. http://instagram.com/p/n0RlxQE2k4/ Remataríamos xuntándonos os dous grupos no Arxentino’s Burguers (onde atopamos a Jorge Guitián e Anna Meyer, que pasaban por alí) probando a súa adaptación da Causa Limeña cun Pisco Sour. Ademais, as cervexas americanas e as sobremesas fixeron do remate da ruta un suplicio gastronomico-dixestivo delicioso.

Argentinos burguer nos hace ir por la causa, la Causa de salmón. Estupendo colofon de #festadosalmon A Estrada

A post shared by José Luis Oliveira Pereira (@josolivarela) on

A continuación vos deixo o resumo fotográfico da Ruta de Tapas de Salmón que fixo Frenchy e onde poderedes observar as delicias e marabillas de pequenos bocados que degustamos, incluidos os dous que puxeron unha tosta de pan de molde 😦

Pola tarde achegámonos á área recreativa de O Xirimbao, a carón do río Ulla. Alí, no couto de Couso (xunto co de Sinde e o de Ximonde) estábase a celebrar o 38º concurso Internacional de Pesca de Salmón. Era o mesmo lugar onde o dictador Francisco Franco viña facer que pescaba. http://instagram.com/p/n0k6xLE2mk/ Total, que se tes tempo e podes, achégate Á Estrada esta fin de semana, muy cerca de Santiago. Nos actos da festa hai actividades para nenos, batukadas, concertos, conferencias, exposicións, probas ciclistas (BTT)… e continúa a ruta de tapas.

Estamos en la Ruta de tapas de #festadosalmon Este año participan 22 locales con sus respectivas tapas

A post shared by Jose Manuel Garcia (@jose_ma_garcia) on

Velaí a listaxe de locais participantes, pero lembrade a quen lle toca este venres e este sábado, previo á Festa do Salmón do domingo: – Venres 16: La Bombilla, Nixon, O Café de Xulia e o Samaná. – Sábado 17: Arxentinos Burguer, Don Juan, Andalucía, A Vila e Oasis.

Estándar
excursións, peregrinacións

De ponte a ponte… facendo o Camiño

Partimos desde Sárria, vila xacobea por excelencia, e após dunha hora de traxecto por estradas cheas de curvas chegamos a Melide. Alí tomamos un café cun dos seus doces tradicionais (ou trece, porque están boisísimos!) en plena celebración do “Melindres ricos & coffee tour”. Amendoados, ricos e melindres, da igual calquera. Non sei por que, pero é falar de melindres e lembrarme de Loly Llano.

E xa que non colguei unha de pulpo aí vos deixo uns melindres na lembranza de @lolyllano @Concello_Melide

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

E fomos cara Furelos -río, ponte e aldea mediaval- por onde pasan mogollón de peña, a pe ou pedaleando. Xa estivera alí días atrás, que foi cando me decidira a facer esta etapa do Camiño Francés. A ponte sobre o río Furelos (50 m de longo e 3,7 m de ancho) é unha das xoias da arquitectura civil do Camiño, xa mencionada no s. XII nuns tumbos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes e que está formada por 4 arcos de medio punto desiguais.

#bicigrinos entrando ao pobo de #Furelos pola ponte medieval q cruza o río do mesmo nome #pasouhoxe

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

A aldea de Furelos, moi coqueta ela, atópase inmediatamente tras cruzar a ponte, desde onde se divisa con claridade. Trátase dun conxunto de edificacións en torno á igrexa de San Xoán, de orixen románica e rodeada por un muro protector. Certo é que ten unha apariencia idílica, de conto. As casas de pedra e o lousado do rueiro, xunto co ambiente que lle dan os peregrinos axudan crear esa atmósfera. Preto de aquí hai unha praia fluvia e tamén sae unha ruta de sendeirismo dun 15 km.

Entrando na provincia d'A Coruña polo Camiño Francés x #Furelos @Concello_Melide @camino_xacobeo

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Como se diría no xogo «de ponte a ponte» (desde o da Áspera ata o de Furelos) e… continuamos camiñando. O traxecto ata Melide eran 10 minutos escasos, e como queríamos facer tempo ata a hora de comer fomos pasear polo casco vello melidense da vila. Entre o ambiente (peregrinos e veciños mestúranse polas ruelas) e algunha construción interesante ollamos esta preciosa porta, que xa vin máis veces en publicacións.

En medio da camiñada non quería deixar pasar esta beleza de pechadura q vin en #Melide #moicercadeSantiago

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Melide está en plena efervescencia primaveral, con diferentes celebracións gastronómicas e non gastronómicas. Vén de celebrar a X Foliada e está a piques de celebrar a Festa do Melindre, de interese turística, e que continuará coa ruta de tapas Casco Vello (do 15 ao 25 deste mes). Pola nosa parte volvimos un pouco para atrás, xa que preguntamos onde comer pulpo en Melide e nos dixeron que en A Garnacha: todo un acerto!

E tras comer un púlpito en #Melide continuamos a andaina camiño de #Boente @camino_xacobeo @areasantiagoturismo

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

E para facer a dixestión, en vez de tomar uns dixestivos (un gintoni e esas cousas da xente do mal vivir) decidimos camiñar até Boente, xa no veciño concello de Arzúa, capital galega do Queixo. Foron seis quilómetros, pero moi gratificantes, tanto polas paisaxes como polo cosmopolitismo que atopamos polas sendas e congostras. Camiñantes chegados de todos os continentes -australianos, brasileiros, mexicanos, chineses e coreanos- e por suposto europeos; non tanto así españois, que polo que contan resérvanse para o verán e dar auxe a ese fenómeno dos turigrinos.

Unha vez chegados a Boente visitamos a igrexa de Santiago, ben pintadiña por fóra. É unha das máis visitadas do Camiño, pois aquí xa recollen xente que fai a vía Primitiva. De planta rectangular, ten a súa orixe no s. XII e foi reconstruida pero aínda conserva dous capiteis románicos (destaca tamén a imaxe de Santiago Peregrino). Aquí nos recolleron en coche e fomos até Ribadiso, outra localización moi chula. Hai unha área recreativa, pero o núcleo está onde os albergues, tras cruzar a outra ponte mediaval de fin de etapa.

Estándar
excursións, lecer

Con Amare e Piragüilla, o lecer é unha marabilla!

Foi de improvisto. Durmira no Hotel Casa Rosalía e acostárame tarde após dunha gran velada na inauguración das Xornadas do Bacallau. Levantárame con calma para ir almorzar, onde falei con Javier que tal saira todo, e con tempo para facer o check-out e deixarlles o cuarto libre. Sen rumo, decidín ir para Compostela e chamar a Alfonso Ribas para baixar comer ao Loxe Mareiro, en Carril.

Bocatazo de pulpo na Illa antes de zarpar con @amareturismo e @alvientooo @rociococina @rukatny_83 @

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Piribí, piribí! Cambio de plans, cando estaba timbrando recibín un WhatsApp de Rocío Garrido, a miña profe de empanada (da mental non, da outra). Poñía un simple «Pesca ás 3» e me levei ao irmán de Alvientooo. Teremos que deixar a #abastada para outra ocasión, a fume de carozo comer un bocata e aparecer na Illa da Arousa.

Listos para pescar con @amare

A post shared by Rocio Cocina (@rociococina) on

Puntuais como un reloxio, ás 15 horas estabamos todos no peirao de Cabodeiro. Subimos a embarción de Gabriel -xa preparada- e saímos á Ría. Amare é unha empresa de Turismo Náutico que fai diversas rutas en embarcacións polas Rías Baixas, ademais de saídas de snorquel, mergullo e pesca en kaiak.

Con catro cañas, tíñamos que ir rulando (eramos 7) para ver se picaban. Gabriel só nos explicaba e dirixía a embarcación para pescar entre bateas, buscando os mellores bancos de peixes. Do resto, entre cámaras, móbeis e tablets para retratar a tarde fomos pasando as cañas de man en man. Tardaron en morder o anzo e foi Alberto o primeiro en demostrar a súa valía. Logo sería a parella lusa quen comezou “esquilmar” a Ría ;-).

Van picando

A post shared by Rocio Cocina (@rociococina) on

Eu xa pensei que tiñamos rematado e de repente nos preguntan se damos unha volta en bici. From lost to the river! Marta, a monitora de Piragüilla recolleunos no peirao e levounos ata a base da empresa. Dedicada ao lecer e ás aventuras, esta empresa de Turismo Activo tamén ofrece kaiak e snorquel, ademais de bici e rafting. No percorrido en bici (unhas mellor equipadas que a da foto) fomos desde Punta Furado ata o Con Serrado. Hora e media dando pedais ao estilo Verano Azul

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

O paseo foi unha pasada. Estaba unha tarde de claroscuros, cunha luz preciosa. E con estes vimbios a xente de gatillo fácil fai marabelas. Alberto Ribas, un instagramer do máis selecto foi quen de capturar esa lancha rotulada en plan lata de Coca-Cola.

#arousa #alvientoootour

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

Como recordo queda o resultado de tan frutífera tarde e que Rui Ribeiro cociñaría ao día seguinte en Monçao para os que seguiron con este tour alternativo.

#xardas @amare @alvientooo @rociococina @raliv @luismaulloa77 buena tarde de #pesca en #barco #arousa

A post shared by Faz & Come (@fazecome) on

Estándar
excursións, restaurantes

Mar Viva, a peixería para mercar e comer

«Se fai bo mañá, imos!» E cadrou que o día amenceu estupendo estupendísimo, sen nubes nin ná. E efectivamente, ás 13 horas nos recolleron e piramos para a Costa da Morte. Corcubión -que estaba de pleno co concurso de tapas- era o destino, pero nós queríamos probar in situ a comida dun novo local do que nos chegaran moi boas referencias. Unha hora de camiño platicando e no dial posto a Radio Galega (si si, con Xosé Manuel García e o seu “Come e Fala“).

Mimá, q lonxe queda a @costa_da_morte pero q bonitiña é a ría de Corcu

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Baixamos do coche coas vistas de Carburos Metálicos de fronte: Dios mío, que fea é, que adefesio en plena ría… pero cantos cartiños deixa!!! Tras tomar unha birra e un pinchiño mentres facíamos algo de tempo, ás 14:30 -clavaos- estabamos entrando neste novo espazo gastronómico: a Peixería Mar Viva.

Esta peixería está ubicada nun edificio de marcado valor patrimonial no centro desta vila mariñeira, Corcubión. Na rehabilitación gastáronse un pastizal, pero alomenos queda algo útil, unha tenda de peixe especializada onde te poderán informar de cada especie: arte de pesca, tamaños medios, épocas de veda, procedencia e recomendacións para o seu consumo.

Prestos para probar a experiencia do Mar Viva. Iremos contando…

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Pero hai que comezar dicindo que se trata dun proxecto financiado pola Unión Europea a través dos Grupos de Acción Costeira que creou a Xunta de Galicia. Cando falamos de Mar Galaica, que así se chama o programa, estamos a falar de Turismo Mariñeiro, dunha oferta turística para gozar da cultura do mar. Eiquí pretenden que goces pesca, coñezas os segredos das xentes do mar, goces dos seus sabores do mar, e abofé que isto último o conseguiron.

Cheirando a frescura…

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

O primeiro que nos atopamos ao entrar foi unha peixería no seu máis amplo sentido. Un lugar húmido, cun mostrador alongado e con todo o xénero en exposición sobre xeo (os peixes ocupando a maior parte do espazo, e o marisco cara unha esquina). Detrás había un señor atendendo a outros visitantes e outro limpando o peixe na barra de detrás. Hai 2 posibilidades: levalo para a casa ou que cho preparen alí mesmo e o sirvan no comedor do primeiro andar. Cando nos atenderon, pedimos unhas centolas e un variado de peixes (quedounos magoa dos sanmartiños…) e subimos.

🙈 que sentola #mimadriñaquerida! Era unha, pero coma se fosen cen

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

A centola, que pesaba 1,5 kg #mimadriñaquerida, era coma se fosen dez. E estaba chea!!! Patas e cachos a moreas, moita chicha para rillar durante máis dun cuarto de hora. E como para acompañar tiñamos un Terras Gauda, que mellor que botalo no caparazón para tomalo cos corais… Ñam ñam, como gozamos, sobre todo eu, que fun un espabilao! 😉

Non sei se da terra o cordeiro, pero da mar o mero… a lubina e palometa. Bufff q rico estaba toda

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Hai un dito que di «De la mar el mero y de la tierra el cordero». Será certo, pero da mar é o mero, a palometa e a robaliza, polo menos. Exquisitos, preparación básica (á prancha) e vía. Nada de salsas nin aderezos. O peixe -como a carne- se é de 1ª calidade, non precisa de nada. E iso é unha das cousas que promove o carimbo Km 0 Margalaica ao que está adherido este estabelecemento. Con este distintivo garántese que os peixes e mariscos proceden das lonxas locais, que non sofren transportes excesivos (menos de 10 Km) e que foron capturados por veciños da contorna con métodos artesanais de pesca.

O dito, unha experiencia -que se está a poñer de moda nestes últimos anos- francamente recomendábel. O prezo… medio-medio/alto. Non nos pareceu excesivamente caro, a verdade: marisco e peixes, con pan, augas, sobremesas e cafés, e non chegamos a poñer 40 por barba. É curioso como na minuta especifican o peixe que sirven, o seu peso e a preparación aparte. Por exemplo:

Mero ao corte: 0,440 kg * 39 €/kg = 17,16 euros
(máis a elaboración, a 6 €/kg, supón un que hai que apoquinar 2,74 euros máis). Ou sexa, preto de 20 euros por unha boa porción. E así tamén cos outros dous.

Peixería Mar Viva
Praza Castelao, 15
E-15130 Corcubión, A Coruña
Teléfono: (+34) 981 706 453
Web: http://www.peixeriamarviva.com
Correo-e: info@peixeriamarviva.com

Horarios:
– de martes a xoves: de 10:00 a 18:00
– de venres a domingo: de 10:00 a 18:00 e de 20:00 a 24:00
– luns pechado

Estándar
excursións, restaurantes

Os encantos da Ulla no tempo do Entroido

Mi má, a que se me ven enriba. Mañá venres teño cita cos meus roomers do novo proxecto de Laura Camino e María Mosquera. O sábado (todo o día) ver, comentar e difundir acerca de pazos, gastronomía, románico, camelias e Xenerais con Área Santiago. E o domingo contar -se as sucesivas cicloxéneses o permiten- contar o “Entroido Galego”, un evento que Turismo de Galicia organiza na Praza do Obradoiro para xuntar a todos os personaxes dos entroidos e presentar as celebracións. Que intensidade! E iso que hoxe pretendía ir a Xantar ao encontro blogger ou seguir o 1º blogevento da Copa do Rei de básquet…

Ao que imos, os bloggers acompañaremos nun PressTrip a varios xornalistas, convidados por Turgalicia para asistir á presentación dos entroidos galegos. Xente chegada de Madrid que deberá gozar do patrimonio, da auga e das comidas pantagruélicas que lle ofrecerán por aquí e por acolá! Segundo o programa, os obxectivos do PressTrip son:

  • Dar a coñecer o Entroido dos Xenerais da Ulla.
  • Dar a coñecer a bisbarra da Ulla (un destino incluído dentro de Área Santiago) e os seus atractivos turísticos: mercados tradicionais (caso de Padrón), a gastronomía (especialmente a cociña de Entroido) o patrimonio relixioso (igrexas e mosteiros, co románico e o barroco galego coma principais estilos) e civil (os pazos), ademáis da paisaxe fluvial (río Ulla sobre todo) e a flora (neste caso as camelias).
  • Fomentar a desestacionalización.
  • Levar a cabo unha excursión piloto de cara a comercialización.

Xenerais! Non vos movades q o sábado estou de novo convosco! @Museodopobo #areasantiago

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

No programa están previstas varias visitas, algunhas das cales xa fixera anteriormente nos últimos meses. O punto de encontro será o Museo do Pobo Galego, onde faremos unha visita guiada á exposición sobre os “Xenerais da Ulla“, instalada no claustro baixo, e que nos permitirá saber un pouco máis das orixes e en que consiste este Entroido rural tradicional, declarado de interese turístico galego o pasado mes de setembro.

Os restos da primeira papeleira, tamén no Pazo

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Tamén visitaremos o Pazo do Faramello, vello coñecido do ano pasado, pois até 3 veces fun. Alí Gonzalo Rivero de Aguilar nos convidará a un café e nos amosará as instalacións deste pazo de orixe industrial (aquí se instalou a primeira papeleira da Galiza). Supoño que nos paseará polo trazado orixinal do Camiño Portugués, as cortes (onde está prevista unha rehabilitación para un salón para eventos), a capela (BIC), os xardíns e a fermosa terraza barroca compostelá.

Momento de #ComerUnBuenCocido en #CocidoTrip

A post shared by Sporky (@cocidotrip) on

A organización ten previsto convidarnos a xantar un bo cocido galego, semellante ao que probamos algúns dos asistentes o pasado sábado 1 no Cocido Trip. Pero nesta ocasión será no Pazo de Vista Alegre, no concello de Vedra. Avisáronnos que o menú estará composto por entrantes (empada e caldo de cocido) e un cocido con carnes de Lalín e contorna (de porco, tenreira e polo), verduras e patacas. De sobremesa, os produtos tradicionais de Área Santiago: filloas, queixo (DOP Arzúa-Ulloa) con marmelo, orellas e melindres caseiros. O viño será o mencía Pazo de Galegos, da D.O.P. Rías Baixas-Subzona Ribeira do Ulla.

Tras a comida visitaremos o Pazo de Ribadulla, onde o guía nos falará tamén de outras construcións semellantes da zona (coma o Pazo de Oca), dos seus conxuntos históricos e artísticos e da Camelia (a flor de Galiza, tamén presente na Alameda compostelá).

#carboeiro #silleda

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

E para rematar, visitaremos o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. As explicacións dos guías se centrarán no estilo románico, aquí existente, e nas posibilidades turísticas de potenciar as actividades fluviais: pesca, sendeiros e praias fluviais.

Alí estaremos e volo iremos contando…

Estándar
artesanías, excursións

Chapeau para Cortes de Muuuar

Non é a primeira vez que visitaba unha queixería, non, e menos tras a miña experiencia mexicana, onde fai dous anos coordinei a Ruta del Queso y el Vino no proxecto “Rutas de Querétaro”. Pero Xavi Presas quixo nesta 2ª edición do #CocidoTrip (ao igual que na primeira con Embutidos Lalinense) visitar unha industria agroalimentaria da bisbarra para que a viaxe ao Deza fose completa, é dicir, a parte trip do cocido.

Germán de @cortesdemuar nos cuenta su historia y de el magnífico trabajo con el #queso @cortesdemuar

A post shared by Sporky (@cocidotrip) on

E a empresa escollida foi a silledense Cortes de Muar, unha queixería artesanal que se quere promover máis alá da contorna e chegar a ser un reclamo turístico. Germán e a súa irmá continúan o traballo iniciado polos seus pais, que anos atrás decidiran deixar a explotación gandeira para dedicarse á produción artesanal. Pero esta 2ª xeración quere dar unha volta de rosca e pór en valor o proceso de elaboración, amosar que pode un produto atractivo para o consumo e posicionar o queixo galego coma un produto de calidade. «O Queixo do País é parte de nós» dixo, mentres o mundo virtual estaba tiqui-tiqui cos móbiles, tables e demáis aparellos. Pero o certo, e eles o leván á quintaesencia.

A consecuencia de non ter gando é que agora Costes de Muar «busca produtotes de leite ecolóxico por toda a bisbarra». A fabricación artesanal destes queixos -suaves e cremosos- non ten ningún segredo: leite ecolóxica de vacas galegas alimentadas en pastoreo libre, feito a man e produción limitada. O que os diferencia do resto é a implicación, o cariño con que traballan e poñer o corazón sempre, buscando a textura axeitada e a maduración perfecta, sen recurtar nos tempos. O resultado: medalla de prata no World Cheese Award 2013 celebrado o pasado outono en Birmingham cunha receita británica galeguizaron. Toma, toma e toma!!!

Here we are! @cortesdemuar #cocidotrip

A post shared by Laura (@lauracamino) on

Gonzalo falounos do proceso de fabricación, do leite (con lactosa), co callo, do soro, da auga, das cubas, do moldeado, da maduración, dos gandeiros, dos queseiros e dos afinadores. E tamén comentounos que escolleron ese nome porque «as cortes son o lugar onde as vacas se recollen e múan tras pacer tranquilamente todo o día nos pastos». E queren vencellar esa tranquilidade, ese relax, ao momento de degustar os seus queixos; por iso redundan na mensaxe do “m”: mmmm…

  • Para eles os seus queixos “son un Manxar, elaborados a Man”.
  • Teñen a venta de catro queixos, e cada un corresponde a un nome de vaca: Marela, Morena, Marquesa e Mimosa.
  • E no bonito deseño que lles fixeron unhas rapazas de Compostela para o packaging contan a seguinte mensaxe (transcribo) “con moito Meiro, de gosto Maino e arrecendo a Manteiga, feito con leite Muxido de vacas galegas, que combina ben con Marmelo e Mel, sobre pan Morno, de brando Miolo, provocando Morriña nos que o proban… algo mmmmMagnífico”.

Soberbio el queso de 7 meses de curación!!! @cortesdemuar #cocidotrip

A post shared by La aprendiz de chef (@aprendizdechef) on

A visita rematou cunha degustación de tres variedades con diferente estado de maduración, desde unha pasta branda até un con 7 meses de maduración. Acompañando ao queixo nos puxeron conservas de Artemar. Quero dicir que a maridaxe do queixo curado co polbo afumado estaba exquisita, Roberto P. Marijuán o pode corroborar. Mentres moitos compañeiros estaban facendo compras (está visto que a venta in situ segue a estar vixente por moito comercio on line que queramos), preguntando aos irmáns ou fumando, nós demos boa conta destes bocados.

Cortes de Muar
Queseros Artesanos de Galicia
Negreiros, 6
E-36546 Silleda, Pontevedra
Teléfono: (+34) 609 809 006
Web: www.cortesdemuar.com
Correo-e: artesanos@cortesdemuar.com
P.V.P.: 10,00 € (unha peza de 700 g), tamén os podes mercar online a través de www.hermeneus.es

* desde eiquí agradecer que os instagramers que colguen fotos, pois quedeime sen batería até a hora do cocido e non puiden subir ningunha #fotoqueixo en directo.

Estándar