eventos, peregrinacións

Camiños espirituais que se unen

Por que falar da Semana de Xapón en Compostela? Pois moi sinxelo, síntome identificado coa Irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, pois no seu día participei na creación do espazo web Spiritual Pilgrimages que fixera 00estudio para Turismo de Santiago.

Japoneando no Estrea Estilo, un evento de moito éxito xa na 2ª edición

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Ademais, estes días tamén coñecín a Yui Miyazaki, unha rapaza xaponesa que estivo tres semanas en Compostela de “intercambio laboral”, devolvendo así a visita dunha técnico de Santiago a Tanabe (Wakayama, Xapón).

http://www.crtvg.es/informativos/cantos-e-danzas-budistas-e-xintoistas-na-catedral-de-santiago-814129

Nesta semana aprendimos varias cousas da cultura xaponesa, desde cociña (a arte do Obento), até artes marciais (Aikido), a cerimonia do Té, a arte do Origami (papiroflexia), o modo de vestir (Kitsuke), a música (Shakuhachi) ou a arte das flores (Ikebana). Como colofón, este martes tiveron lugar un concerto sintoísta na Catedral e unha conferencia sobre “Filosofía e Espiritualidade do Pobo Xaponés”.

Os actos tiveron lugar en varios espazos da zona vella compostelá: a Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, a Igrexa de San Fiz de Solovio, a Catedral e o Paraninfo da Universidade. Organizados por Turismo de Santiago, a través da empresa Singulae, e coa colaboración da Casa Galicia Japón, estes actos están inxeridos dentro no marco do Ano Dual España-Xapón.

http://www.crtvg.es/informativos/finaliza-a-visita-da-delegacion-xaponesa-a-santiago-814585

O pasado mércores remataría a visita coa camiñada entre o Monte do Gozo e a Catedral dos monxes sintoistas que viñeron até Santiago e toda a delegación da cidade de Tanabe.

Anuncios
Estándar
excursións, peregrinacións

De ponte a ponte… facendo o Camiño

Partimos desde Sárria, vila xacobea por excelencia, e após dunha hora de traxecto por estradas cheas de curvas chegamos a Melide. Alí tomamos un café cun dos seus doces tradicionais (ou trece, porque están boisísimos!) en plena celebración do “Melindres ricos & coffee tour”. Amendoados, ricos e melindres, da igual calquera. Non sei por que, pero é falar de melindres e lembrarme de Loly Llano.

E fomos cara Furelos -río, ponte e aldea mediaval- por onde pasan mogollón de peña, a pe ou pedaleando. Xa estivera alí días atrás, que foi cando me decidira a facer esta etapa do Camiño Francés. A ponte sobre o río Furelos (50 m de longo e 3,7 m de ancho) é unha das xoias da arquitectura civil do Camiño, xa mencionada no s. XII nuns tumbos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes e que está formada por 4 arcos de medio punto desiguais.

A aldea de Furelos, moi coqueta ela, atópase inmediatamente tras cruzar a ponte, desde onde se divisa con claridade. Trátase dun conxunto de edificacións en torno á igrexa de San Xoán, de orixen románica e rodeada por un muro protector. Certo é que ten unha apariencia idílica, de conto. As casas de pedra e o lousado do rueiro, xunto co ambiente que lle dan os peregrinos axudan crear esa atmósfera. Preto de aquí hai unha praia fluvia e tamén sae unha ruta de sendeirismo dun 15 km.

Como se diría no xogo «de ponte a ponte» (desde o da Áspera ata o de Furelos) e… continuamos camiñando. O traxecto ata Melide eran 10 minutos escasos, e como queríamos facer tempo ata a hora de comer fomos pasear polo casco vello melidense da vila. Entre o ambiente (peregrinos e veciños mestúranse polas ruelas) e algunha construción interesante ollamos esta preciosa porta, que xa vin máis veces en publicacións.

Melide está en plena efervescencia primaveral, con diferentes celebracións gastronómicas e non gastronómicas. Vén de celebrar a X Foliada e está a piques de celebrar a Festa do Melindre, de interese turística, e que continuará coa ruta de tapas Casco Vello (do 15 ao 25 deste mes). Pola nosa parte volvimos un pouco para atrás, xa que preguntamos onde comer pulpo en Melide e nos dixeron que en A Garnacha: todo un acerto!

E para facer a dixestión, en vez de tomar uns dixestivos (un gintoni e esas cousas da xente do mal vivir) decidimos camiñar até Boente, xa no veciño concello de Arzúa, capital galega do Queixo. Foron seis quilómetros, pero moi gratificantes, tanto polas paisaxes como polo cosmopolitismo que atopamos polas sendas e congostras. Camiñantes chegados de todos os continentes -australianos, brasileiros, mexicanos, chineses e coreanos- e por suposto europeos; non tanto así españois, que polo que contan resérvanse para o verán e dar auxe a ese fenómeno dos turigrinos.

Unha vez chegados a Boente visitamos a igrexa de Santiago, ben pintadiña por fóra. É unha das máis visitadas do Camiño, pois aquí xa recollen xente que fai a vía Primitiva. De planta rectangular, ten a súa orixe no s. XII e foi reconstruida pero aínda conserva dous capiteis románicos (destaca tamén a imaxe de Santiago Peregrino). Aquí nos recolleron en coche e fomos até Ribadiso, outra localización moi chula. Hai unha área recreativa, pero o núcleo está onde os albergues, tras cruzar a outra ponte mediaval de fin de etapa.

Estándar