eventos, excursións

A Estrada tamén “pesca” no fenómeno dos bloggers

Non, non me refiro a min, senón ao fenómeno en si, a esta moda que -entre moitos- estamos a propagar pola blogosfera como se de lume polo monte se tratara. Que somos uns pesaos e uns charlatáns, como me dixo alguén o outro día? Si, pero pasámolo moi ben en actos como o da Festa do Salmón!

Preparadas as acreditacións de #bloggers para a @festadosalmon

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Non é o primeiro BlogTrip ao que vou, e agardo que tampouco sexa o último. Alá polo mes de febreiro xa tiven a sorte de ser chamado polos Xenerais da Ulla #moicercadeSantiago para coñecer e promover este ancestral entroido rural e máis a presentación dos Entroidos galegos de interese turístico (#GaliciaEntroido) baixo un diluvio universal na Praza do Obradoiro. Tamén fun a varias experiencias gastronómicas en restaurantes (Calderón e Casa Rosalía), ademais do #CocidoDay que eu mesmo axudei a organizar. Foi nestas dúas últimas semanas nas que a Festa do Salmón da Estrada xestou a organización dun encontro cos novos prescriptores de opinión. E nestas, que ás 11 da mañá estabamos na Porta do Sol estradense.

#pasóayer Making of de la foto oficial del encuentro #festadosalmon en @c_aestrada

A post shared by Jose Manuel Garcia (@jose_ma_garcia) on

Alí aparecimos Fidel Martín, Xosé Manuel García, Sandra Novo, Frenchy Ouviña, José Luis Oliveira, Rubén Amorín, Javier Mos e o que escrebe (si, o problema da cota femenina tamén chega ao #mundoblogger). Todos coñecidos das redes, e con nós o alcalde máis alto de España -nótase que xogou ao baloncesto- e xente do concello que nos ía guiar pola Ruta de Tapas do Salmón.

Despois de que Xosé Manuel lle gañara a Fidel para facer equipos (cousa que non lle serviu de nada, xa que levou aos peores! 😛 ) comezamos un percorrido pola vila. Estando tan preto de Compostela, A Estrada era un pouco descoñecida para min. Certo que pasei moitas veces, viñen de turismo rural a algunha parroquia (teñen 21 casas segundo Turgalicia) e até viñen comer o polbo un mércores á feira, pero nunca pensei en pasar un día nesta vila. De A Estrada hai que saber un par de datos: que é o 9º concello galego máis grande (282 km2), conta con 51 parroquias (o que máis) e o concello español con máis núcleos de poboación, ademáis de ser a terra de Ángel Miramontes.

Praza de Abastos #aestrada #festadosalmon

A post shared by Ruben Amorin (@nimataniengorda) on

Leváronos ata o emprazamento momentáneo da Praza de Abastos, xusto a carón das obras da nova. Alí comentáronos que A Estrada é dos poucos concellos galegos que teñen dous mercados semanais, os mércores e os sábados. De feito, un vendedor de peixe viña eses días desde Fisterra díxolles que co que vende n’A Estrada lle chegaría para vivir. Deambulamos un ratiño entre toallas, calzado e produtos da horta, e falamos de comercio e da produción de mazairas da bisbarra (exporta cara Asturias, Euskadi e Chantada). Logo separámonos en dous grupos -os equipos escollidos antes- para ir aos 22 locais da Ruta de Tapas que nos tiñan preparada.

O grupo bo -é dicir, o de Fidel, Frenchy, Rubén e máis eu, guiados por Daniel- comezamos forte. A primeira parada foi en Os Peares, unha tasca de toda a vida (máis de 60 anos a contemplan) onde ninguén diría que se come ben. Terei que voltar, porque ademais da tapa de salmón avisáronme que facía unha paella e unha carne riquísimas.

E así foron caendo, un tras outro, durante catro horas. Unha boa paparota si, pero acabas cheo, pois con cada picho/tapa tomabamos unha birra (íamos a cortos, para non reventar). Non nos saltamos ningún local da ruta e hai que dicir que a calidade media é bastante alta, tendo algún sobresaínte. É o caso de ‘Tito’ Nixón, que leva aberto desde 1975 e é un dos pioneiros na cociña de salmón (e do cocido). Cocíñao de todos os xeitos: en tartar, en empanada, afumado ou salvaxe marinado con maracuxá… e todos moi ben preparados. http://instagram.com/p/n0RlxQE2k4/ Remataríamos xuntándonos os dous grupos no Arxentino’s Burguers (onde atopamos a Jorge Guitián e Anna Meyer, que pasaban por alí) probando a súa adaptación da Causa Limeña cun Pisco Sour. Ademais, as cervexas americanas e as sobremesas fixeron do remate da ruta un suplicio gastronomico-dixestivo delicioso.

A continuación vos deixo o resumo fotográfico da Ruta de Tapas de Salmón que fixo Frenchy e onde poderedes observar as delicias e marabillas de pequenos bocados que degustamos, incluidos os dous que puxeron unha tosta de pan de molde 😦

Pola tarde achegámonos á área recreativa de O Xirimbao, a carón do río Ulla. Alí, no couto de Couso (xunto co de Sinde e o de Ximonde) estábase a celebrar o 38º concurso Internacional de Pesca de Salmón. Era o mesmo lugar onde o dictador Francisco Franco viña facer que pescaba. http://instagram.com/p/n0k6xLE2mk/ Total, que se tes tempo e podes, achégate Á Estrada esta fin de semana, muy cerca de Santiago. Nos actos da festa hai actividades para nenos, batukadas, concertos, conferencias, exposicións, probas ciclistas (BTT)… e continúa a ruta de tapas.

Velaí a listaxe de locais participantes, pero lembrade a quen lle toca este venres e este sábado, previo á Festa do Salmón do domingo: – Venres 16: La Bombilla, Nixon, O Café de Xulia e o Samaná. – Sábado 17: Arxentinos Burguer, Don Juan, Andalucía, A Vila e Oasis.

Anuncios
Estándar
lugares, viaxes

Horta e viños na Alsace

Na era da TIC e das RR.SS. o mercado das postais está demodé! Pero a min me sigue molando, por iso sigo enviando a algunha xente cando viaxo, e tamén lle pido á familia e aos amigos que o fagan, para facer crecer a miña colección. Pois ben, hoxe, ao abrir o correo e entre a propaganda eleitoral, tiña unha de Isabel Chousa e Alfonso Ribas, que días atrás (aproveitando á ponte) viaxaran a Alsace.

Pero cando imos comprar para escribir hai unha serie de problemas: a calidade da imaxe, da impresión e do deseño, o formato e o estilo. Estamos afeitos en moitos casos a recibir a da Catedral de turno, da escultura máis famosa, o típico collague ou unha graciosa que teñen sempre nas tendas. Pero ás veces iso importa ben pouco e ten máis sentido o que se escribe.

Neste caso fixéronme un resumo do destino, unha escolma de “imaxes” dos seus intereses que fan de mini-guía na miña cabeza para cando me toque ir. Non se conta o que te escriben, pero co seu permiso quero compartir o estilo tan conciso e que amosa un destino gastronómico diferente: «Dende o país das cigoñas, os espárragos, o riesling, a tarte flambèe e mais da liberdade, a igualdade e fraternidade…»

Estándar
excursións, peregrinacións

De ponte a ponte… facendo o Camiño

Partimos desde Sárria, vila xacobea por excelencia, e após dunha hora de traxecto por estradas cheas de curvas chegamos a Melide. Alí tomamos un café cun dos seus doces tradicionais (ou trece, porque están boisísimos!) en plena celebración do “Melindres ricos & coffee tour”. Amendoados, ricos e melindres, da igual calquera. Non sei por que, pero é falar de melindres e lembrarme de Loly Llano.

E fomos cara Furelos -río, ponte e aldea mediaval- por onde pasan mogollón de peña, a pe ou pedaleando. Xa estivera alí días atrás, que foi cando me decidira a facer esta etapa do Camiño Francés. A ponte sobre o río Furelos (50 m de longo e 3,7 m de ancho) é unha das xoias da arquitectura civil do Camiño, xa mencionada no s. XII nuns tumbos do Mosteiro de Sobrado dos Monxes e que está formada por 4 arcos de medio punto desiguais.

A aldea de Furelos, moi coqueta ela, atópase inmediatamente tras cruzar a ponte, desde onde se divisa con claridade. Trátase dun conxunto de edificacións en torno á igrexa de San Xoán, de orixen románica e rodeada por un muro protector. Certo é que ten unha apariencia idílica, de conto. As casas de pedra e o lousado do rueiro, xunto co ambiente que lle dan os peregrinos axudan crear esa atmósfera. Preto de aquí hai unha praia fluvia e tamén sae unha ruta de sendeirismo dun 15 km.

Como se diría no xogo «de ponte a ponte» (desde o da Áspera ata o de Furelos) e… continuamos camiñando. O traxecto ata Melide eran 10 minutos escasos, e como queríamos facer tempo ata a hora de comer fomos pasear polo casco vello melidense da vila. Entre o ambiente (peregrinos e veciños mestúranse polas ruelas) e algunha construción interesante ollamos esta preciosa porta, que xa vin máis veces en publicacións.

Melide está en plena efervescencia primaveral, con diferentes celebracións gastronómicas e non gastronómicas. Vén de celebrar a X Foliada e está a piques de celebrar a Festa do Melindre, de interese turística, e que continuará coa ruta de tapas Casco Vello (do 15 ao 25 deste mes). Pola nosa parte volvimos un pouco para atrás, xa que preguntamos onde comer pulpo en Melide e nos dixeron que en A Garnacha: todo un acerto!

E para facer a dixestión, en vez de tomar uns dixestivos (un gintoni e esas cousas da xente do mal vivir) decidimos camiñar até Boente, xa no veciño concello de Arzúa, capital galega do Queixo. Foron seis quilómetros, pero moi gratificantes, tanto polas paisaxes como polo cosmopolitismo que atopamos polas sendas e congostras. Camiñantes chegados de todos os continentes -australianos, brasileiros, mexicanos, chineses e coreanos- e por suposto europeos; non tanto así españois, que polo que contan resérvanse para o verán e dar auxe a ese fenómeno dos turigrinos.

Unha vez chegados a Boente visitamos a igrexa de Santiago, ben pintadiña por fóra. É unha das máis visitadas do Camiño, pois aquí xa recollen xente que fai a vía Primitiva. De planta rectangular, ten a súa orixe no s. XII e foi reconstruida pero aínda conserva dous capiteis románicos (destaca tamén a imaxe de Santiago Peregrino). Aquí nos recolleron en coche e fomos até Ribadiso, outra localización moi chula. Hai unha área recreativa, pero o núcleo está onde os albergues, tras cruzar a outra ponte mediaval de fin de etapa.

Estándar
excursións, lecer

Con Amare e Piragüilla, o lecer é unha marabilla!

Foi de improvisto. Durmira no Hotel Casa Rosalía e acostárame tarde após dunha gran velada na inauguración das Xornadas do Bacallau. Levantárame con calma para ir almorzar, onde falei con Javier que tal saira todo, e con tempo para facer o check-out e deixarlles o cuarto libre. Sen rumo, decidín ir para Compostela e chamar a Alfonso Ribas para baixar comer ao Loxe Mareiro, en Carril.

Piribí, piribí! Cambio de plans, cando estaba timbrando recibín un WhatsApp de Rocío Garrido, a miña profe de empanada (da mental non, da outra). Poñía un simple «Pesca ás 3» e me levei ao irmán de Alvientooo. Teremos que deixar a #abastada para outra ocasión, a fume de carozo comer un bocata e aparecer na Illa da Arousa.

Listos para pescar con @amare

A post shared by Rocio Cocina (@rociococina) on

Puntuais como un reloxio, ás 15 horas estabamos todos no peirao de Cabodeiro. Subimos a embarción de Gabriel -xa preparada- e saímos á Ría. Amare é unha empresa de Turismo Náutico que fai diversas rutas en embarcacións polas Rías Baixas, ademais de saídas de snorquel, mergullo e pesca en kaiak.

Con catro cañas, tíñamos que ir rulando (eramos 7) para ver se picaban. Gabriel só nos explicaba e dirixía a embarcación para pescar entre bateas, buscando os mellores bancos de peixes. Do resto, entre cámaras, móbeis e tablets para retratar a tarde fomos pasando as cañas de man en man. Tardaron en morder o anzo e foi Alberto o primeiro en demostrar a súa valía. Logo sería a parella lusa quen comezou “esquilmar” a Ría ;-).

Van picando

A post shared by Rocio Cocina (@rociococina) on

Eu xa pensei que tiñamos rematado e de repente nos preguntan se damos unha volta en bici. From lost to the river! Marta, a monitora de Piragüilla recolleunos no peirao e levounos ata a base da empresa. Dedicada ao lecer e ás aventuras, esta empresa de Turismo Activo tamén ofrece kaiak e snorquel, ademais de bici e rafting. No percorrido en bici (unhas mellor equipadas que a da foto) fomos desde Punta Furado ata o Con Serrado. Hora e media dando pedais ao estilo Verano Azul

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

O paseo foi unha pasada. Estaba unha tarde de claroscuros, cunha luz preciosa. E con estes vimbios a xente de gatillo fácil fai marabelas. Alberto Ribas, un instagramer do máis selecto foi quen de capturar esa lancha rotulada en plan lata de Coca-Cola.

#arousa #alvientoootour

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

Como recordo queda o resultado de tan frutífera tarde e que Rui Ribeiro cociñaría ao día seguinte en Monçao para os que seguiron con este tour alternativo.

Estándar
paparotas, restaurantes

Nova degustación gastronómica no #BacalaoRosalia

Había curiosidade por saber que pasaría, se o evento sairía ben ou non, se sería moi repetitivo ou que. Pero a verdade é que Javier Román xa lle pillou o tranquillo a isto de organizar eventos con xente das redes. Primeiro foi o xa afamado #CazaRosalia e logo a participación no #CocidoDay. Coser e cantar.

Esperando para amasar…

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Pero para poñer espectativas altas, o anfitrión sacouse da chistera un par de cousiñas… ou tres. A primeira foi que, coincidindo co Día Nacional de Portugal -e sendo as Xornadas do Bacalao– convidou ao chef luso (Rui Ribeiro). O que fora a pegada internacional no Día Internacional del Cocido ía preparar unha tapa específica para a cea e rematou facendo un prado: a roupa velha. Saíu tan ben que nos anunciaron que entraría na carta.

Roupa vella de @rukatny_83 #BacalaoRosalia

A post shared by T.C. (@ticiana84) on

Un 2º coello sacado da gorra foi a organización dun obradoiro de empanadas que guiaría Rocío Garrido. E como non, a empanada que faríamos entre Sabela Bernárdez e máis eu (os 2 voluntarios) tiña que ser de bacallau, o resto veña tuitear…

Como estaba coas mans na masa non me quedei ben coas explicacións e trucos que contou Rocío, pero si con que a levadura é un bicho que ao botarlle auga quente ou sal o matas, polo que hai que amasalo directamente na masa. Outro dato interesante é que á hora de amasar, o teu estado de ánimo inflúe, e eu algo estresado debía andar porque non din ligado ben a masa, e iso que acabei con maniotas nos dedos. A pesar de todo o resultado, axudados por Rocío, conseguimos facer unha empanada digna de entrar en menú.

Logo pasamos á cea-degustación das Xornadas de Bacallau. Á mesa xa estabamos todos. Moitas caras coñecidas, algunhas delas repetidas en Casa Rosalía (para comezar eu), e outras novas como Sabela Bernárdez, do blog “Coge la comida y corre”, Tania Carreira, do blog “Hoxe falamos de”, Kike Gª Cerviño (da revista La Alacena Roja) ou Gabriel, da empresa de turismo náutico Amare Turismo, ademáis do chef convidado (Rui Ribeiro) e o fotógrado Nelson Vaz, ambos chegados do norte de Portugal. Unha curiosidade, os que si repetimos tamén repetimos sitio.

#BacalaoRosalia @rociococina @alvientooo @luismaulloa77 @amare empieza la #cena

A post shared by Faz & Come (@fazecome) on

O menú, como veredes, foi moi escaso..

APERITIVOS
Albóndigas de Bacallau en salsa de champiñóns
Pementos do piquillo recheos de Bacallau
Roupa velha, prato especial do chef convidado
PRIMEIRO PRATO
Arroz caldoso de Bacallau e espinacas
SEGUNDO PRATO (a escoller)
Bacallu gratinado ao forno con verduras
Bacallau á brasa
Bacallau ao forno con salsa de albariño

As albóndigas, como diría Leo Harlem «bien trabajada», causou furor pola banda de Laíño; estaban realmente boas. Os pementos tamén, sobre todo a bechamel, coa que varios fixemos barquiños. E para rematar tan só cos entrantes, chegou A NOSA EMPANADA. E que imos decir dela, verdade? Pois si direi, non sobrou ningún trozo, e iso que quedaban 2 pratazos…

A nosa empanada!!! Agora vos dicimos #bacalaorosalia

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Entre os entrantes e o prato principal nos colaron un Arroz de Bacallau. Tan só mirade a paellera.

Sarandonga, quichibiri quichibiri!!

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

No segundo eu tireime ao Bacallau á brasa, para que puidéramos fotografar as tres opcións que había para escoller. Pero tal e como dixera Javier, o que máis acostuma pedir a xente é o Bacallau gratinado con verduras (na foto de abaixo). Os veciños portugueses pediron o Bacallau ao forno, e seica estaba tamén no seu punto.

#bacalaorosalia

A post shared by MaisGrelos By Alvientooo (@maisgrelos) on

Non vou falar de que tal o pasamos, das risas que botamos, dos recordos de “ordacaza”, da paixón que lle está a botar Frenchy Ouviña no concurso de Turgalicia de quen recomenda mellor Galiza ou da última das sorpresas que nos tiñan preparada: o barista Nacho Costoya veu para amenizarnos a sobremesa cos seus copazos especiais. A súa chegada deu pe a Xosé Manuel García para “coller o micro” e deleitarnos durante media hora sobre as historias conxuntas que compartiran hai uns 20 anos na recén inaugurada Cidade de Vacacións do Monte do Gozo.

Lembrade, en definitiva, que Casa Rosalía é o teu restaurante para comer bacalao en Santiago. No menú das xornadas ofrécense dez pratos diferentes:

  • Albóndigas de Bacalao con salsa de champiñones
  • Revuelto de Bacalao y Espinacas
  • Pimientos del Piquillo rellenos de Bacalao
  • Roupa Vella (nova aportación)
  • Bacalao a la Brasa
  • Bacalao a la Portuguesa
  • Bacalao a la Braçarense
  • Bacalao Gratinado con Verduritas
  • Bacalao a la Parrilla con Alioli de Azafrán
  • Arroz Caldoso con Bacalao y Verduritas (mínimo 2 personas)

E para despedirmos, como non podía ser de outro xeito, un #avistamientoUFO made in, o de sempre, e onde logramos por fin que Frenchy mirase para os marcianos que nos sacaron a foto:

Estándar
lugares

Chegou a primavera a Compostela

Sóese decir -xa con moita sorna- que chove en Compostela, bueno máis ben é en Santiago. O célebre poema do fusilado García Lorca, e musicado maxistralmente polo grupo galego Luar na Lubre, chegou fondo na cidadanía deste País.

E tardou en chegar, pero chegou. As primeiras raiolas de Sol fixéronse esperar até moi tarde, pero pagou a pena. O espectáculo florístico que amosa cando xa está fai que a espera merecese a pena. Bueno, tanto non, que choveu de carallo.

Fonseca esplendorosa

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

A praza de Fonseca do casco vello compostelán ten un colorido estupendo. Os tulipáns, na maior parte dos casos cor laranxa, sempre emerxen o estádo de ánimo. Pero esas continuas choivas tamén nos deixan uns pastos e unha vexetación esplendorosa por toda Galiza, cunha gama de verdes descoñecida. Só hai que coller o carro e saír da contorna urbana para comprobalo. Mentres, o parque de Belvís ofrécenos un anuncio dentro da mesma cidade.

Compostelaneando por Belvís!

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Estándar
eventos, restaurantes

#CocidoDay en Sarria

Tras dous meses de intenso traballo o 15-M tocaba disfrutar, se é que fora posíbel. A verdade, a andaina comezada a mediados de decembro polos catro tolos das RR.SS. (Laura Camino, Frenchy Ouviña, Alberto Ribas e un menda lerenda) para montar este tinglao do Día Internacional do Cocido tiña que dar os seus froitos. Un friki da informática (Frenchy), unha xornalista hipercompetente (Laura), un gran relaccións públicas (Alberto) e eu formábamos un bo equipo. E abofé que o conseguimos.

#xenteriquiña preparándose para o #CocidoDay eiquí anótase todo Dios…

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Tivemos ánimos desde todos os lados, e entrevistas na radio (eu creo que telefonicamente puiden atender 10 chamadas nunha semana, que para non estar acostumado, chégalle de carallo”). Pero eu viñen eiquí a falar do meu libro.

A min “tocoume” -a verdade é que quixen facelo- en Sárria, co difícil que era convencer a un restaurante de semellante cousa e mover a persoal ata a cabeceira do porco celta e vila xacobea por excelencia. Grazas ao colíder, Manuel Valcárcel, logramos pechar con tempo o restaurante: o Albergue-Rural A Casa de Carmen, en Barbadelo. Un café con Pedro Quintana e tivemos o si en menos de 10 minutos, contados.

Coordinadamente entre os 22 restaurantes participantes no #CocidoDay a hora de comezo eran as 15 horas, aínda que por cuestións de última hora houbo sitios que comezaron ás 14:30. Nesta mesa algúns quixemos ir andando, pois para subir ata Barbadelo había que facer o Camiño Francés (o que lle viña moi ben ao discurso deste hot point), un treito duns 4 Km con costas pronunciadas. Quedei coa sumiller Mercedes González no Malecón, tomando un viño e escoitando os problemas do Plan de Encanamento que quere facer o alcalde. E cando chegaron Carmen José e Manuel comezamos a camiñada.

Mercedes veu totalmente equipada, coas botas -último modelo- da artesán do Deza Elena Ferro (moi fashion pero preocupada polo viño que nos ía poñer Pedro). E entre risas e contos, e algún chiste dos meus, dos bos, dos que teño reservados para estas ocasións, se nos fixo o camiño máis levadeiro. Para quen non o saiba, desde a estatua do Peregrino de María Carretero que preside o Maleón hai que subir as escalinatas que levan á Rúa Maior e continuar até o Convento dos Mercedarios. Desde alí hai que baixar a carón do cemiterio cara a ponte de Áspera e ir paralelo ao camiño de ferro. Tras cruzar un regato ven a a gran costa arriba (non chega a medio quilómetro) entre soutos frondosísimos e preciosísimos. Logo xa ven un falso chan, que segue picando cara arriba, pasando Vilei,o cruce á igrexa románica de Barbadelo e o albergue público.

Chegamos ben, pero sedentos e con fame, todo hai que dicilo. Ademais tiñamos unha sorpresa (pero queríamos confirmala con Pedro): de “camiño” atopamos dous peregrinos madrileños e os convidamos a que se unisen á celebración.

No comedor xa estaba todo o mundo: o meu amigo Iago Rodríguez (multimedia), o xornalista Penoucos (de La Voz de Galicia), a pontevedresa Noela Otero, os seis camiñantes (catro que viñamos desde Sarria e os dous peregrinos que recollimos) e máis o anfitrión, Pedro X. Quintana. O primeiro que vimos foi o auga, para calmar a sede, e o viño que nos ía acompañar durante todo o banquete, un Guímaro como Dios manda (a ver esa competencia de Chantada e Valdeorras, eh!).

Tras ver a inauguración en YouTube -un vídeo que colgou o pregoneiro Xosé Manuel García– Para comezar tiñamos uns entrantes de salchichón e chourizo de porco celta francamente deliciosos.

Embutidos con Guímaro no #cocidoday da Casa de Carmen de #Sarria no @camino_xacobeo

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Entre medias intentamos facer unha multiconferencia cos dispositivos móbeis e táblets existentes nas mesas participantes. Minutos adéronnos a probar a sopa de cocido, potente si, pero repetín, non fora ser…

E agora unha sopiña #cocidoday e @xrpenoucos sacando exclusivas xornalísticas

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Pero non ía ser todo comer, e tamén falamos. Descubrimos a facilidade de palabra de Penoucos (palense de pro), a paixón polo emprendemento de Carmen (futura presidenta do movemento AJE en Galiza), o coñecemento do viño de Mercedes, a amizade de Pedro cos peregrinos (que xa se coñecían!!!) e moita “tensión sexual” no ambiente.

E chegou o momento desexado, tanto no gastronómico como no friki. Coa aparición do cocido a todas as mesas, os comensais (máis de 170 en total) puxéronse a subir fotos nas redes sociais, a tuitear e a retuitear, que contra as catro da tarde conseguiríamos ser Trendic Topic coa etiqueta #CocidoDay.

Este pantallazo me mola mucho mucho 🙂 #CocidoDay TT #MomentosFelices

A post shared by Frenchy (@frenchygalicia) on

Exitazo total!!! Máis de 6 millóns de impactos e as televisións e radios narrando o evento nos informativos do mediodía do sábado (grazas Juan José Ribagorda por eses 15 segundos de gloria: uns 2 millóns de espectadores, casi ná!!). Tal foi así que o meu cocido, o do meu prato, ficou durante uns minutos no esquecemento. Pero fricalladas a parte, volvín a hincar o dente ao manxar do prato (como para non facelo). O cocido de porco celta foi un auténtico descubrimento, sobre todo após de escoitar como o propio Pedro os cría todos os días.

10 days after, recalling #CocidoDay @cocidoday #cocidaco #ñamñam

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Para falar das sobremesas tería que deixarlle un parágrafo enteiro a Penoucos. Que saque! #miñanaiqueridiña non sei cantas cañas ou freixós paparía, pero uns cantos. Eu estaba a tope, pero unha de cada caeu, para non quedar mal :-P.

Imos coa sobremesa do #cocidoday na Casa de Carmen no Camiño Francés

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Por último, quixera agradecer a Carmen (dona e cociñeira), Pedro (artista) e ao fillo toda a atención e o cariño que lle puxeron á organización deste evento. A Casa de Carmen está aberta todo o ano, como albergue e como casa de comidas, así que se tes a oportunidade de vir, non o dubides.

Na despedida, Pedro amosounos a propiedade. Primerio o albergue -privado- con máis de 20 camas en literas, a terraza de verán e para rematar unha vistas ao val, cos cabalos achegándose á nosa visita.

Hora cabalar despois do #cocidoday no @camino_xacobeo

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

Os catro armadanzas xuntámonos o venres 21 para celebrar o exitazo, e tamén poder despedir a Laura, que tras varios meses no paro vía como esta e outras iniciativas que tivo (o Reportuiteo e The Net Room) tiveron os seus froitos. Segundo nos contou, o luns seguinte do #CocidoDay recibiu unha chamada dun coñecido de Barcelona ofrecéndolle ir traballar para alá. Non o dubidou. Parabéns aos Zync Social pola visión que tiveron… 😦

 

Estándar