enoloxía, lecer

O fenómeno das catas de viño

O pasado venres 9 de maio asistín a unha cata de viño convidado por Patxi Movilla, da Gastroteca SCQ nova tenda de produtos gastronómicos da zona vella compostelá. Creo recordar que xa fun a varias antes da miña fuxida a México, pero non podería lembrar con exactitude cales foron e que viños probara.

Na @gastrotrecaSCQ a piques de comezar a cata de @CotodeGomariz con Sebio, con @Mario_LGuerrero

A post shared by Luis Ulloa (@luismaulloa77) on

O certo é que as catas convertéronse nun fenómeno de mini masas, pois en Compostela haberá arredor dun millar de persoas interesadas neste mundillo. Están desntinadas para xente cuns bos ingresos, de clase media-media/acomodada e con gusto pola enoloxía. Son moitas as adegas que veñen presentar os seus viños e son moitos os espazos (tendas, bares e restaurantes) que as acollen. Hainas de balde, e hainas con custe, algunhas delas un auténtico negocio. Esta cata, por exemplo, estaba dirixida polo enólogo de Gomariz, Xosé Luis Sebio, todo un experto e con moitos anos de experiencia ao lombo. Comentounos que chegou ao Ribeiro en 1998 e no 2000 a estas bodegas, cando só producían un viño… agora producen 11.

Coto de Gomariz, viños dos que íamos facer a cata, non fai viños comerciais (non prevé producir máis de 200.000 botellas/ano) senón que elabora viños personais diferentes, baseados no solo, no clima e nas variedades da uva. Eles empregan tres solos: con areas, con granito e con xistos. E Hai que dicir que no Ribeiro hai 3 zonas: cara o norte está a zona histórica (seguindo o curso do Avia), a carón do Miño están as grandes bodegas e cara o sur hai microparcelas.

Após de pequenas leccións de historia, como o documento máis antigo de Gomariz -do s. X- ou do que se pagaba polo Ribeiro (ata 4 veces máis que por un Burdeos), etc. etc., comezou con apuntamentos técnicos. E aí perdinme! Para un iniciado coma min, que so diferencia dous tipos de viño -os que me gustan e os que non- escoitar falar de añadas, cores, cheiros, influencia das choivas, variedades e outros tantos palabros era demasié. Si me quedou claro que o Ribeiro é un capricho da natureza, pois a ubicación (moi ao norte) e as condicións climatolóxicas da comarca permiten unha acidez moi baixa á hora da maduración.

Comezamos polos brancos A flor e a Abella, Gomariz e o Coto de Gomariz, e logo foron os tintos A flor e a Abella, o Abadía de Gomariz e o VX Cuveé. Como premio probamos o viño persoal de Sebio, o Super Héroe. Foron máis de tres horas intensas, densas, de moitos olores e sabores, de debates e nas que algúns aprendimos algo, como o significado dunha cata vertical, como a que terá lugar hoxe ás 21 horas de Pagos de Galir.

A vindeira cata, pois non sei, xa verei. Polo momento, grazas a Patxi e Natalia polo convite, e por ter algo de comida na mesa, que entre tanto viño era necesario.

Anuncios
Estándar
eventos, excursións

O enoturismo está de moda

Pois si, o viño que non falte, nin na mesa nin no turismo. Unha moda máis -coma tantas- é agora incluír o mundo da vide en todo. E é que actividades entorno ao viño hai a moreas: feiras, visitas ás adegas, rutas do viño, transporte (bus ou tren) do viño, catas (e cursos de cata), maridaxes, conferencias, homenaxes… un sin fin de cousas que agora mesmo poden encher a axenda dun afeccionado durante un mes. De feito os próximos 30 días ás beiras do Miño-Sil temos unhas cantas. Por fin tamén nos movemos no interior da Galiza.

O 17 de maio coñece as Vinrutas de Valdeorras

Vinrutas é unha das ofertas de enoturismo que se realiza na comarca. A Denominación de Orixe de Valdeorras está a acadar unha gran notoriedade grazas aos excelentes viños que está a producir e os numerosos premios que está a recibir en moitos certames aos que se presenta.

VinrutaValdeorras

Promovida por Valdeorras é Viño, nesta cuarta edición -a celebrar o Día das Letras Galegas- visitarán 2 adegas da comarca: Adega Avelina, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e Joaquín Rebolledo (A Rúa). Ambas contan cun dos elementos etnográficos da zona por excelencia, as “covas”, lugares para gardar o viño; nun dos casos está integrada dentro dun edificio e noutra constitúe unha edificación en si misma. Os visitantes probarán os godellos e mencías que producen cada unha.

Vinruta-Valdeorras

Cun custe de 20 euros/persoa -no que se inclúe transporte ás bodegas, visitas, catas e pinchos- podes reservar entrada en valdeorrasesvino@gmail.com , no celular 619 086 326 ou mercala na oficina de Halcón Viajes de A Rúa. Sen dúbida, unha boa ocasión para coñecer o berce do Godello, un viño en crecemento entre os brancos en España.

O 23 de maio Valdeorras rinde homenaxe a Horacio Fernández Presa, o pai do Godello

Falecido fai un ano, a figura de Horacio Fernández Presa vai ter o recoñecemento que se merece. O que fora antigo xefe da Área Valdeorras-Trives da Oficina Agraria Comarcal (antes coñecida como a Axencia de Extensión Agraria de O Barco) e impulsor do Plan REVIVAL [Reestructuración de Viñedos de Valdeorras], ademais de cofundador da bodega Godeval e un viticultor defensor da comarca valdeorresa, terá a súa homenaxe o vindeiro venres 23.

E é que moita xente quere manter vivo o espírito de traballo do “pai do godello“, xa que logo puxo en marcha o nomeado Plan para para recuperar as variedades autóctonas da comarca. O godello, por exemplo, pasou de ser unha variedade case desaparecida (finais dos setenta) a gozar de prestixio na actualidade, e todo grazas aos traballos de recuperación que daquela se fixeron.

“Enoturismo en Galiza: iniciativas, experiencias e retos”, título do II Foro Proturga

Tras a exitosa edición do ano pasado en Pontevedra -en asistencia, pero sobre todo en debates- e que xiraba entorno ao Turismo Deportivo e organización de eventos deportivos, a organización muda de sede cara a cidade das Burgas. Esta 2ªedición do Foro Proturga falará do viño e os seus vínculos co turismo. A organización conseguíu un atractivo programa con catro mesas (e unha cata) nas que estarán representantes do sector do viño e técnicos da administración e das empresas.

ForoProturga-Enoturismo

Os títulos das mesas redondas son “Iniciativas, experiencias e retos dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia“, con varios directivos das D.O.;  “Iniciativas, experiencias e retos das Rutas do Viño de Galicia“, con técnicos das Rutas do Viño; “Iniciativas, experiencias e retos das empresas de enoturismo de Galicia“, con empresas vencelladas ao sector (de transporte turístico, medios de comunicación e axencias de viaxes); e “Iniciativas, experiencias e retos das adegas de Galicia” con xente das adegas. Os participantes farán a súa exposición nunha minipalestra que -agardemos- abrirá unha produtiva quenda de preguntas. O evento rematará cunha cata de viños galegos dirixida polo sumiller Patxi Movilla.

Obradoiros de harmonía e creatividade enogastronómica en Ribadavia

Os mércores e xoves das últimas semanas deste mes, é dicir, os días 21, 22, 28 e 29 a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro organiza uns cursos sobre enogastronomía na capital do Ribeiro. Os encargados de impartir estes cursos son o sumiller Nacho Costoya, o chef Angel Ríos (restaurante Pepe Vieira) e Pablo Vidal (director técnico do C.R.D.O. Ribeiro). O obxectivo destes obradoiros é ofrecer ferramentas para crear pratos sinxelos con productos galegos de calidade e un toque de creatividade. Ademais de formación culinaria, tamén haberá unha degustación harmonizada con viños das adegas que están na Ruta. Pódese reservar praza na web da Asociación.

Excursión á Ribeira Sacra

Pola miña parte, teño organizada cuns amigos unha excursión á Ribeira Sacra do Miño o domingo 1 de xuño. Será unha intensa visita á zona Chantada onde a intención é visitar dúas adegas (unha familiar e unha turística), comer cerca de Belesar na Abaceria O Batuxo e pola tarde gozar das paisaxes ao navegar en catamarán polo río.

Terceiras xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia

Esa mesma fin de semana e a seguinte as denominacións de orixe de viño galegas e as súas rutas do viño organizan, co patrocinio de Turgalicia, a terceira edición das xornadas de portas abertas. No folleto veñen ben explicadas, pero é fundamental saber que a primeira fin de semana (31 de maio e 1 de xuño) tócalle ás rutas do viño das Rías Baixas e Ribeiro, e os días 7 e 8 de xuño é a quenda de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

PortasAbertasRutaViñoValdeorras

Precisamente eu teño pensado asistir ás portas abertas de Valdeorras. Está previsto visitar -en autobús- 11 adegas. O sábado 7 (pola mañá) iremos a Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Pagos de Galir e pola tarde a Ruchel, Avelina y D´Berna, mentres que para o domingo 8 están previstas a visita de Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Para a comida hai restaurantes asociados (Mesón Museo, Paladium, Pazo do Castro e Piquiño) que ofrecen un menú por 25 €/persoa. Ademais, o sábado pola tarde haberá unha festa con pinchos, viños e actuacións musicais, e o domingo fin de festa nas covas con viños, polbo e actuación de gaiteiros. Tamén hai prezos especiais en tres aloxamentos: Hotel Pazo do Castro (O Barco), Casa Rural Pacio do Sil (A Rúa) e no Paladium (Vilamartín de Valdeorras).

Tapas & blogs retorna ás actividades cunha actividade de enoturismo na Ribeira Sacra

Por último, e coincidindo coa xornada de portas abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, o sábado 7 volve o evento Tapas & Blogs, neste caso co enoturismo como tema central. Unha xornada na que se visitarán os viñedos -dispostos en bancais- e unha bodega en compañía do sumiller Bruno Lovelle, quen elabora viños de autor.

Estándar
lugares, viaxes

Horta e viños na Alsace

Na era da TIC e das RR.SS. o mercado das postais está demodé! Pero a min me sigue molando, por iso sigo enviando a algunha xente cando viaxo, e tamén lle pido á familia e aos amigos que o fagan, para facer crecer a miña colección. Pois ben, hoxe, ao abrir o correo e entre a propaganda eleitoral, tiña unha de Isabel Chousa e Alfonso Ribas, que días atrás (aproveitando á ponte) viaxaran a Alsace.

Pero cando imos comprar para escribir hai unha serie de problemas: a calidade da imaxe, da impresión e do deseño, o formato e o estilo. Estamos afeitos en moitos casos a recibir a da Catedral de turno, da escultura máis famosa, o típico collague ou unha graciosa que teñen sempre nas tendas. Pero ás veces iso importa ben pouco e ten máis sentido o que se escribe.

Neste caso fixéronme un resumo do destino, unha escolma de “imaxes” dos seus intereses que fan de mini-guía na miña cabeza para cando me toque ir. Non se conta o que te escriben, pero co seu permiso quero compartir o estilo tan conciso e que amosa un destino gastronómico diferente: «Dende o país das cigoñas, os espárragos, o riesling, a tarte flambèe e mais da liberdade, a igualdade e fraternidade…»

Estándar