eventos, restaurantes

#CocidoDay en Sarria

Tras dous meses de intenso traballo o 15-M tocaba disfrutar, se é que fora posíbel. A verdade, a andaina comezada a mediados de decembro polos catro tolos das RR.SS. (Laura Camino, Frenchy Ouviña, Alberto Ribas e un menda lerenda) para montar este tinglao do Día Internacional do Cocido tiña que dar os seus froitos. Un friki da informática (Frenchy), unha xornalista hipercompetente (Laura), un gran relaccións públicas (Alberto) e eu formábamos un bo equipo. E abofé que o conseguimos.

Tivemos ánimos desde todos os lados, e entrevistas na radio (eu creo que telefonicamente puiden atender 10 chamadas nunha semana, que para non estar acostumado, chégalle de carallo”). Pero eu viñen eiquí a falar do meu libro.

A min “tocoume” -a verdade é que quixen facelo- en Sárria, co difícil que era convencer a un restaurante de semellante cousa e mover a persoal ata a cabeceira do porco celta e vila xacobea por excelencia. Grazas ao colíder, Manuel Valcárcel, logramos pechar con tempo o restaurante: o Albergue-Rural A Casa de Carmen, en Barbadelo. Un café con Pedro Quintana e tivemos o si en menos de 10 minutos, contados.

Coordinadamente entre os 22 restaurantes participantes no #CocidoDay a hora de comezo eran as 15 horas, aínda que por cuestións de última hora houbo sitios que comezaron ás 14:30. Nesta mesa algúns quixemos ir andando, pois para subir ata Barbadelo había que facer o Camiño Francés (o que lle viña moi ben ao discurso deste hot point), un treito duns 4 Km con costas pronunciadas. Quedei coa sumiller Mercedes González no Malecón, tomando un viño e escoitando os problemas do Plan de Encanamento que quere facer o alcalde. E cando chegaron Carmen José e Manuel comezamos a camiñada.

Mercedes veu totalmente equipada, coas botas -último modelo- da artesán do Deza Elena Ferro (moi fashion pero preocupada polo viño que nos ía poñer Pedro). E entre risas e contos, e algún chiste dos meus, dos bos, dos que teño reservados para estas ocasións, se nos fixo o camiño máis levadeiro. Para quen non o saiba, desde a estatua do Peregrino de María Carretero que preside o Maleón hai que subir as escalinatas que levan á Rúa Maior e continuar até o Convento dos Mercedarios. Desde alí hai que baixar a carón do cemiterio cara a ponte de Áspera e ir paralelo ao camiño de ferro. Tras cruzar un regato ven a a gran costa arriba (non chega a medio quilómetro) entre soutos frondosísimos e preciosísimos. Logo xa ven un falso chan, que segue picando cara arriba, pasando Vilei,o cruce á igrexa románica de Barbadelo e o albergue público.

Chegamos ben, pero sedentos e con fame, todo hai que dicilo. Ademais tiñamos unha sorpresa (pero queríamos confirmala con Pedro): de “camiño” atopamos dous peregrinos madrileños e os convidamos a que se unisen á celebración.

No comedor xa estaba todo o mundo: o meu amigo Iago Rodríguez (multimedia), o xornalista Penoucos (de La Voz de Galicia), a pontevedresa Noela Otero, os seis camiñantes (catro que viñamos desde Sarria e os dous peregrinos que recollimos) e máis o anfitrión, Pedro X. Quintana. O primeiro que vimos foi o auga, para calmar a sede, e o viño que nos ía acompañar durante todo o banquete, un Guímaro como Dios manda (a ver esa competencia de Chantada e Valdeorras, eh!).

Tras ver a inauguración en YouTube -un vídeo que colgou o pregoneiro Xosé Manuel García– Para comezar tiñamos uns entrantes de salchichón e chourizo de porco celta francamente deliciosos.

Entre medias intentamos facer unha multiconferencia cos dispositivos móbeis e táblets existentes nas mesas participantes. Minutos adéronnos a probar a sopa de cocido, potente si, pero repetín, non fora ser…

Pero non ía ser todo comer, e tamén falamos. Descubrimos a facilidade de palabra de Penoucos (palense de pro), a paixón polo emprendemento de Carmen (futura presidenta do movemento AJE en Galiza), o coñecemento do viño de Mercedes, a amizade de Pedro cos peregrinos (que xa se coñecían!!!) e moita “tensión sexual” no ambiente.

E chegou o momento desexado, tanto no gastronómico como no friki. Coa aparición do cocido a todas as mesas, os comensais (máis de 170 en total) puxéronse a subir fotos nas redes sociais, a tuitear e a retuitear, que contra as catro da tarde conseguiríamos ser Trendic Topic coa etiqueta #CocidoDay.

Este pantallazo me mola mucho mucho 🙂 #CocidoDay TT #MomentosFelices

A post shared by Frenchy (@frenchygalicia) on

Exitazo total!!! Máis de 6 millóns de impactos e as televisións e radios narrando o evento nos informativos do mediodía do sábado (grazas Juan José Ribagorda por eses 15 segundos de gloria: uns 2 millóns de espectadores, casi ná!!). Tal foi así que o meu cocido, o do meu prato, ficou durante uns minutos no esquecemento. Pero fricalladas a parte, volvín a hincar o dente ao manxar do prato (como para non facelo). O cocido de porco celta foi un auténtico descubrimento, sobre todo após de escoitar como o propio Pedro os cría todos os días.

Para falar das sobremesas tería que deixarlle un parágrafo enteiro a Penoucos. Que saque! #miñanaiqueridiña non sei cantas cañas ou freixós paparía, pero uns cantos. Eu estaba a tope, pero unha de cada caeu, para non quedar mal :-P.

Por último, quixera agradecer a Carmen (dona e cociñeira), Pedro (artista) e ao fillo toda a atención e o cariño que lle puxeron á organización deste evento. A Casa de Carmen está aberta todo o ano, como albergue e como casa de comidas, así que se tes a oportunidade de vir, non o dubides.

Na despedida, Pedro amosounos a propiedade. Primerio o albergue -privado- con máis de 20 camas en literas, a terraza de verán e para rematar unha vistas ao val, cos cabalos achegándose á nosa visita.

Os catro armadanzas xuntámonos o venres 21 para celebrar o exitazo, e tamén poder despedir a Laura, que tras varios meses no paro vía como esta e outras iniciativas que tivo (o Reportuiteo e The Net Room) tiveron os seus froitos. Segundo nos contou, o luns seguinte do #CocidoDay recibiu unha chamada dun coñecido de Barcelona ofrecéndolle ir traballar para alá. Non o dubidou. Parabéns aos Zync Social pola visión que tiveron… 😦

 

Anuncios
Estándar
excursións, restaurantes

Os encantos da Ulla no tempo do Entroido

Mi má, a que se me ven enriba. Mañá venres teño cita cos meus roomers do novo proxecto de Laura Camino e María Mosquera. O sábado (todo o día) ver, comentar e difundir acerca de pazos, gastronomía, románico, camelias e Xenerais con Área Santiago. E o domingo contar -se as sucesivas cicloxéneses o permiten- contar o “Entroido Galego”, un evento que Turismo de Galicia organiza na Praza do Obradoiro para xuntar a todos os personaxes dos entroidos e presentar as celebracións. Que intensidade! E iso que hoxe pretendía ir a Xantar ao encontro blogger ou seguir o 1º blogevento da Copa do Rei de básquet…

Ao que imos, os bloggers acompañaremos nun PressTrip a varios xornalistas, convidados por Turgalicia para asistir á presentación dos entroidos galegos. Xente chegada de Madrid que deberá gozar do patrimonio, da auga e das comidas pantagruélicas que lle ofrecerán por aquí e por acolá! Segundo o programa, os obxectivos do PressTrip son:

  • Dar a coñecer o Entroido dos Xenerais da Ulla.
  • Dar a coñecer a bisbarra da Ulla (un destino incluído dentro de Área Santiago) e os seus atractivos turísticos: mercados tradicionais (caso de Padrón), a gastronomía (especialmente a cociña de Entroido) o patrimonio relixioso (igrexas e mosteiros, co románico e o barroco galego coma principais estilos) e civil (os pazos), ademáis da paisaxe fluvial (río Ulla sobre todo) e a flora (neste caso as camelias).
  • Fomentar a desestacionalización.
  • Levar a cabo unha excursión piloto de cara a comercialización.

No programa están previstas varias visitas, algunhas das cales xa fixera anteriormente nos últimos meses. O punto de encontro será o Museo do Pobo Galego, onde faremos unha visita guiada á exposición sobre os “Xenerais da Ulla“, instalada no claustro baixo, e que nos permitirá saber un pouco máis das orixes e en que consiste este Entroido rural tradicional, declarado de interese turístico galego o pasado mes de setembro.

Tamén visitaremos o Pazo do Faramello, vello coñecido do ano pasado, pois até 3 veces fun. Alí Gonzalo Rivero de Aguilar nos convidará a un café e nos amosará as instalacións deste pazo de orixe industrial (aquí se instalou a primeira papeleira da Galiza). Supoño que nos paseará polo trazado orixinal do Camiño Portugués, as cortes (onde está prevista unha rehabilitación para un salón para eventos), a capela (BIC), os xardíns e a fermosa terraza barroca compostelá.

Momento de #ComerUnBuenCocido en #CocidoTrip

A post shared by Sporky (@cocidotrip) on

A organización ten previsto convidarnos a xantar un bo cocido galego, semellante ao que probamos algúns dos asistentes o pasado sábado 1 no Cocido Trip. Pero nesta ocasión será no Pazo de Vista Alegre, no concello de Vedra. Avisáronnos que o menú estará composto por entrantes (empada e caldo de cocido) e un cocido con carnes de Lalín e contorna (de porco, tenreira e polo), verduras e patacas. De sobremesa, os produtos tradicionais de Área Santiago: filloas, queixo (DOP Arzúa-Ulloa) con marmelo, orellas e melindres caseiros. O viño será o mencía Pazo de Galegos, da D.O.P. Rías Baixas-Subzona Ribeira do Ulla.

Tras a comida visitaremos o Pazo de Ribadulla, onde o guía nos falará tamén de outras construcións semellantes da zona (coma o Pazo de Oca), dos seus conxuntos históricos e artísticos e da Camelia (a flor de Galiza, tamén presente na Alameda compostelá).

#carboeiro #silleda

A post shared by Alberto Ribas (@alvientooo) on

E para rematar, visitaremos o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. As explicacións dos guías se centrarán no estilo románico, aquí existente, e nas posibilidades turísticas de potenciar as actividades fluviais: pesca, sendeiros e praias fluviais.

Alí estaremos e volo iremos contando…

Estándar