eventos, restaurantes

#CocidoDay en Sarria

Tras dous meses de intenso traballo o 15-M tocaba disfrutar, se é que fora posíbel. A verdade, a andaina comezada a mediados de decembro polos catro tolos das RR.SS. (Laura Camino, Frenchy Ouviña, Alberto Ribas e un menda lerenda) para montar este tinglao do Día Internacional do Cocido tiña que dar os seus froitos. Un friki da informática (Frenchy), unha xornalista hipercompetente (Laura), un gran relaccións públicas (Alberto) e eu formábamos un bo equipo. E abofé que o conseguimos.

Tivemos ánimos desde todos os lados, e entrevistas na radio (eu creo que telefonicamente puiden atender 10 chamadas nunha semana, que para non estar acostumado, chégalle de carallo”). Pero eu viñen eiquí a falar do meu libro.

A min “tocoume” -a verdade é que quixen facelo- en Sárria, co difícil que era convencer a un restaurante de semellante cousa e mover a persoal ata a cabeceira do porco celta e vila xacobea por excelencia. Grazas ao colíder, Manuel Valcárcel, logramos pechar con tempo o restaurante: o Albergue-Rural A Casa de Carmen, en Barbadelo. Un café con Pedro Quintana e tivemos o si en menos de 10 minutos, contados.

Coordinadamente entre os 22 restaurantes participantes no #CocidoDay a hora de comezo eran as 15 horas, aínda que por cuestións de última hora houbo sitios que comezaron ás 14:30. Nesta mesa algúns quixemos ir andando, pois para subir ata Barbadelo había que facer o Camiño Francés (o que lle viña moi ben ao discurso deste hot point), un treito duns 4 Km con costas pronunciadas. Quedei coa sumiller Mercedes González no Malecón, tomando un viño e escoitando os problemas do Plan de Encanamento que quere facer o alcalde. E cando chegaron Carmen José e Manuel comezamos a camiñada.

Mercedes veu totalmente equipada, coas botas -último modelo- da artesán do Deza Elena Ferro (moi fashion pero preocupada polo viño que nos ía poñer Pedro). E entre risas e contos, e algún chiste dos meus, dos bos, dos que teño reservados para estas ocasións, se nos fixo o camiño máis levadeiro. Para quen non o saiba, desde a estatua do Peregrino de María Carretero que preside o Maleón hai que subir as escalinatas que levan á Rúa Maior e continuar até o Convento dos Mercedarios. Desde alí hai que baixar a carón do cemiterio cara a ponte de Áspera e ir paralelo ao camiño de ferro. Tras cruzar un regato ven a a gran costa arriba (non chega a medio quilómetro) entre soutos frondosísimos e preciosísimos. Logo xa ven un falso chan, que segue picando cara arriba, pasando Vilei,o cruce á igrexa románica de Barbadelo e o albergue público.

Chegamos ben, pero sedentos e con fame, todo hai que dicilo. Ademais tiñamos unha sorpresa (pero queríamos confirmala con Pedro): de “camiño” atopamos dous peregrinos madrileños e os convidamos a que se unisen á celebración.

No comedor xa estaba todo o mundo: o meu amigo Iago Rodríguez (multimedia), o xornalista Penoucos (de La Voz de Galicia), a pontevedresa Noela Otero, os seis camiñantes (catro que viñamos desde Sarria e os dous peregrinos que recollimos) e máis o anfitrión, Pedro X. Quintana. O primeiro que vimos foi o auga, para calmar a sede, e o viño que nos ía acompañar durante todo o banquete, un Guímaro como Dios manda (a ver esa competencia de Chantada e Valdeorras, eh!).

Tras ver a inauguración en YouTube -un vídeo que colgou o pregoneiro Xosé Manuel García– Para comezar tiñamos uns entrantes de salchichón e chourizo de porco celta francamente deliciosos.

Entre medias intentamos facer unha multiconferencia cos dispositivos móbeis e táblets existentes nas mesas participantes. Minutos adéronnos a probar a sopa de cocido, potente si, pero repetín, non fora ser…

Pero non ía ser todo comer, e tamén falamos. Descubrimos a facilidade de palabra de Penoucos (palense de pro), a paixón polo emprendemento de Carmen (futura presidenta do movemento AJE en Galiza), o coñecemento do viño de Mercedes, a amizade de Pedro cos peregrinos (que xa se coñecían!!!) e moita “tensión sexual” no ambiente.

E chegou o momento desexado, tanto no gastronómico como no friki. Coa aparición do cocido a todas as mesas, os comensais (máis de 170 en total) puxéronse a subir fotos nas redes sociais, a tuitear e a retuitear, que contra as catro da tarde conseguiríamos ser Trendic Topic coa etiqueta #CocidoDay.

Este pantallazo me mola mucho mucho 🙂 #CocidoDay TT #MomentosFelices

A post shared by Frenchy (@frenchygalicia) on

Exitazo total!!! Máis de 6 millóns de impactos e as televisións e radios narrando o evento nos informativos do mediodía do sábado (grazas Juan José Ribagorda por eses 15 segundos de gloria: uns 2 millóns de espectadores, casi ná!!). Tal foi así que o meu cocido, o do meu prato, ficou durante uns minutos no esquecemento. Pero fricalladas a parte, volvín a hincar o dente ao manxar do prato (como para non facelo). O cocido de porco celta foi un auténtico descubrimento, sobre todo após de escoitar como o propio Pedro os cría todos os días.

Para falar das sobremesas tería que deixarlle un parágrafo enteiro a Penoucos. Que saque! #miñanaiqueridiña non sei cantas cañas ou freixós paparía, pero uns cantos. Eu estaba a tope, pero unha de cada caeu, para non quedar mal :-P.

Por último, quixera agradecer a Carmen (dona e cociñeira), Pedro (artista) e ao fillo toda a atención e o cariño que lle puxeron á organización deste evento. A Casa de Carmen está aberta todo o ano, como albergue e como casa de comidas, así que se tes a oportunidade de vir, non o dubides.

Na despedida, Pedro amosounos a propiedade. Primerio o albergue -privado- con máis de 20 camas en literas, a terraza de verán e para rematar unha vistas ao val, cos cabalos achegándose á nosa visita.

Os catro armadanzas xuntámonos o venres 21 para celebrar o exitazo, e tamén poder despedir a Laura, que tras varios meses no paro vía como esta e outras iniciativas que tivo (o Reportuiteo e The Net Room) tiveron os seus froitos. Segundo nos contou, o luns seguinte do #CocidoDay recibiu unha chamada dun coñecido de Barcelona ofrecéndolle ir traballar para alá. Non o dubidou. Parabéns aos Zync Social pola visión que tiveron… 😦

 

Anuncios
Estándar