eventos, excursións

O enoturismo está de moda

Pois si, o viño que non falte, nin na mesa nin no turismo. Unha moda máis -coma tantas- é agora incluír o mundo da vide en todo. E é que actividades entorno ao viño hai a moreas: feiras, visitas ás adegas, rutas do viño, transporte (bus ou tren) do viño, catas (e cursos de cata), maridaxes, conferencias, homenaxes… un sin fin de cousas que agora mesmo poden encher a axenda dun afeccionado durante un mes. De feito os próximos 30 días ás beiras do Miño-Sil temos unhas cantas. Por fin tamén nos movemos no interior da Galiza.

O 17 de maio coñece as Vinrutas de Valdeorras

Vinrutas é unha das ofertas de enoturismo que se realiza na comarca. A Denominación de Orixe de Valdeorras está a acadar unha gran notoriedade grazas aos excelentes viños que está a producir e os numerosos premios que está a recibir en moitos certames aos que se presenta.

VinrutaValdeorras

Promovida por Valdeorras é Viño, nesta cuarta edición -a celebrar o Día das Letras Galegas- visitarán 2 adegas da comarca: Adega Avelina, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e Joaquín Rebolledo (A Rúa). Ambas contan cun dos elementos etnográficos da zona por excelencia, as «covas», lugares para gardar o viño; nun dos casos está integrada dentro dun edificio e noutra constitúe unha edificación en si misma. Os visitantes probarán os godellos e mencías que producen cada unha.

Vinruta-Valdeorras

Cun custe de 20 euros/persoa -no que se inclúe transporte ás bodegas, visitas, catas e pinchos- podes reservar entrada en valdeorrasesvino@gmail.com , no celular 619 086 326 ou mercala na oficina de Halcón Viajes de A Rúa. Sen dúbida, unha boa ocasión para coñecer o berce do Godello, un viño en crecemento entre os brancos en España.

O 23 de maio Valdeorras rinde homenaxe a Horacio Fernández Presa, o pai do Godello

Falecido fai un ano, a figura de Horacio Fernández Presa vai ter o recoñecemento que se merece. O que fora antigo xefe da Área Valdeorras-Trives da Oficina Agraria Comarcal (antes coñecida como a Axencia de Extensión Agraria de O Barco) e impulsor do Plan REVIVAL [Reestructuración de Viñedos de Valdeorras], ademais de cofundador da bodega Godeval e un viticultor defensor da comarca valdeorresa, terá a súa homenaxe o vindeiro venres 23.

E é que moita xente quere manter vivo o espírito de traballo do «pai do godello«, xa que logo puxo en marcha o nomeado Plan para para recuperar as variedades autóctonas da comarca. O godello, por exemplo, pasou de ser unha variedade case desaparecida (finais dos setenta) a gozar de prestixio na actualidade, e todo grazas aos traballos de recuperación que daquela se fixeron.

«Enoturismo en Galiza: iniciativas, experiencias e retos», título do II Foro Proturga

Tras a exitosa edición do ano pasado en Pontevedra -en asistencia, pero sobre todo en debates- e que xiraba entorno ao Turismo Deportivo e organización de eventos deportivos, a organización muda de sede cara a cidade das Burgas. Esta 2ªedición do Foro Proturga falará do viño e os seus vínculos co turismo. A organización conseguíu un atractivo programa con catro mesas (e unha cata) nas que estarán representantes do sector do viño e técnicos da administración e das empresas.

ForoProturga-Enoturismo

Os títulos das mesas redondas son «Iniciativas, experiencias e retos dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe de Galicia«, con varios directivos das D.O.;  «Iniciativas, experiencias e retos das Rutas do Viño de Galicia«, con técnicos das Rutas do Viño; «Iniciativas, experiencias e retos das empresas de enoturismo de Galicia«, con empresas vencelladas ao sector (de transporte turístico, medios de comunicación e axencias de viaxes); e «Iniciativas, experiencias e retos das adegas de Galicia» con xente das adegas. Os participantes farán a súa exposición nunha minipalestra que -agardemos- abrirá unha produtiva quenda de preguntas. O evento rematará cunha cata de viños galegos dirixida polo sumiller Patxi Movilla.

Obradoiros de harmonía e creatividade enogastronómica en Ribadavia

Os mércores e xoves das últimas semanas deste mes, é dicir, os días 21, 22, 28 e 29 a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro organiza uns cursos sobre enogastronomía na capital do Ribeiro. Os encargados de impartir estes cursos son o sumiller Nacho Costoya, o chef Angel Ríos (restaurante Pepe Vieira) e Pablo Vidal (director técnico do C.R.D.O. Ribeiro). O obxectivo destes obradoiros é ofrecer ferramentas para crear pratos sinxelos con productos galegos de calidade e un toque de creatividade. Ademais de formación culinaria, tamén haberá unha degustación harmonizada con viños das adegas que están na Ruta. Pódese reservar praza na web da Asociación.

Excursión á Ribeira Sacra

Pola miña parte, teño organizada cuns amigos unha excursión á Ribeira Sacra do Miño o domingo 1 de xuño. Será unha intensa visita á zona Chantada onde a intención é visitar dúas adegas (unha familiar e unha turística), comer cerca de Belesar na Abaceria O Batuxo e pola tarde gozar das paisaxes ao navegar en catamarán polo río.

Terceiras xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia

Esa mesma fin de semana e a seguinte as denominacións de orixe de viño galegas e as súas rutas do viño organizan, co patrocinio de Turgalicia, a terceira edición das xornadas de portas abertas. No folleto veñen ben explicadas, pero é fundamental saber que a primeira fin de semana (31 de maio e 1 de xuño) tócalle ás rutas do viño das Rías Baixas e Ribeiro, e os días 7 e 8 de xuño é a quenda de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

PortasAbertasRutaViñoValdeorras

Precisamente eu teño pensado asistir ás portas abertas de Valdeorras. Está previsto visitar -en autobús- 11 adegas. O sábado 7 (pola mañá) iremos a Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Pagos de Galir e pola tarde a Ruchel, Avelina y D´Berna, mentres que para o domingo 8 están previstas a visita de Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Para a comida hai restaurantes asociados (Mesón Museo, Paladium, Pazo do Castro e Piquiño) que ofrecen un menú por 25 €/persoa. Ademais, o sábado pola tarde haberá unha festa con pinchos, viños e actuacións musicais, e o domingo fin de festa nas covas con viños, polbo e actuación de gaiteiros. Tamén hai prezos especiais en tres aloxamentos: Hotel Pazo do Castro (O Barco), Casa Rural Pacio do Sil (A Rúa) e no Paladium (Vilamartín de Valdeorras).

Tapas & blogs retorna ás actividades cunha actividade de enoturismo na Ribeira Sacra

Por último, e coincidindo coa xornada de portas abertas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, o sábado 7 volve o evento Tapas & Blogs, neste caso co enoturismo como tema central. Unha xornada na que se visitarán os viñedos -dispostos en bancais- e unha bodega en compañía do sumiller Bruno Lovelle, quen elabora viños de autor.

Estándar

Deja un comentario